Santiago
+15° C
Actualizado
sábado, 10 febrero 2024
18:07
h

París de Noia e Heredeiros da Crus chegan a Melide nas festas do San Roque Cultural

O municipio encherase de espectáculos e música entre os días 16 e 22 // Actúan tamén Os Melidaos, Los Satélites e Marbella

Melide entra de cheo no seu mes máis festivo. A pesar de que a pandemia obriga a tomar medidas de seguridade estritas, os melidenses poderán gozar entre os días 16 e 22 dunha variada programación no marco do San Roque Cultural 2021. O Concello de Melide, a través da concellería de Cultura e Turismo, xa deu a coñecer a programación, que encherá a vila de espectáculos e actividades para a cativada, e moita música.

O evento estará cargado de propostas para todos os públicos e están programados na Praza do Convento, no Parque Rosalía de Castro e no aparcadoiro público detrás da capela de San Roque, coa finalidade de dinamizar diferentes zonas da vila.

A primeira xornada, o luns 16, veciños e visitantes poderán gozar do pasarrúas de Herba Grileira, e ás 12.30 horas da Charanga Leña Verde.

Non faltará unha actuación para os máis pequenos, de man do Mago Antón, e asemade achegarase ata a vila a Banda de Visantoña. Xa cara a noite, ás 21.30 horas, terá lugar un dos pratos fortes das festas: a actuación de Heredeiros da Crus. O coñecido grupo de rock, fundado no ano 1992 por Antón Axeitos en Castiñeiras, agarda ao seu público no aparcadoiro da capela de San Roque.

Ao día seguinte, martes 17, está prevista a actuación de Unión Musical Ponteledesma. Tamén haberá unha proposta reservada para os nenos e nenas: Merecidamente. Xa pola noite, Melide encherase das cancións da orquestra Los Satélites e da música de Margarida Mariño.

A Banda de Agolada inaugura a xornada do mércores 18, mentres que pechan o día Los Players e Adhara & Ritman. Neste caso, a cativada poderá desfrutar dun espectáculo programado na Praza do Convento, baixo o nome de Aparvaolimpiadas.

O xoves 19 é o turno da Banda da Valga e da recoñecida orquestra París de Noia, que atraerá a veciños e visitantes ata o aparcadoiro da capela de San Roque a partir das 21.00 horas. Os pequenos, neste caso, desfrutarán do espectáculo de A Banda do Verán. Ao día seguinte terá lugar a actuación da Charanga Bassika Rapa, a Banda de Antas, e para pechar a xornada, a orquestra Marbella e Son de Rúa. Bandullo Azul fará as delicias dos máis pequenos.

O sábado 21 arranca coa charanga de Os Melidaos, segue coa Charanga BCB e remata coa actuación de Os Melidaos. O derradeiro día, o domingo 22, o pasarrúas de Froito Novo dará a benvida á xornada dominical. Enriquecen a xornada tamén a Charanga Ardores e a Banda de Arzúa. Os máis novos poderán asistir á función de Assircópatas. Hai que lembrar que para asistir aos concertos de Heredeiros da Crus, Los Satélites, Los Players, París de Noia e Marbella hai que reservar entrada (máximo 2 por persoa) en ataquilla.com.

15 ago 2021 / 01:00
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
TEMAS
Tema marcado como favorito
Selecciona los que más te interesen y verás todas las noticias relacionadas con ellos en Mi Correo Gallego.