Paso adiante nos trámites ambientais do Plan Xeral de Ordenación de Cee
Cee. A Xunta xa concluíu o documento de alcance que serve de base para o estudo ambiental estratéxico do Plan xeral de ordenación municipal de Cee (PXOM), o que permite avanzar na súa tramitación.
O Concello solicitou iniciar o trámite de avaliación ambiental do PXOM e, a partir desa petición e unha vez recibida a documentación completa en xaneiro, a Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda iniciou un período de consultas previas para a formulación do documento de alcance. A través do mesmo, a Xunta propón o contido, amplitude e nivel de detalle que debe ter o estudo ambiental estratéxico, que deberá agora elaborar o Concello.
Así mesmo, traslada consideracións como os organismos que deberán ser consultados pola Dirección Xeral de Ordenación do Territorio e Urbanismo, dentro do trámite de información pública e consultas, tras a aprobación inicial do PXOM.
O Concello de Cee é unha das administracións locais que conta cunha achega da Xunta, de máis de 108.000 euros, para apoialo na redacción desta ferramenta urbanística, e que se suma á colaboración administrativa que lle brinda para asesoralo en todos os trámites e fases da redacción e solucionar as súas dúbidas. Cómpre lembrar que, na actualidade, Cee dispón dunhas Normas subsidiarias de planeamento municipal aprobadas no ano 1995.