Santiago
+15° C
Actualizado
sábado, 10 febrero 2024
18:07
h

Paso adiante para dotar a Coristanco do demandado parque empresarial en Oca

A redacción do proxecto licitarase neste primeiro trimestre // Terá unha superficie inicial duns sesenta mil metros cadrados

A Xunta licitará no primeiro trimestre deste ano a redacción do Proxecto de Interese Autonómico (PIA) do futuro parque empresarial de Coristanco. Trátase dun ámbito que estará localizado no enlace entre as estradas AC-552 e AG-55, na parroquia de Oca.

A conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, Ángeles Vázquez, acompañada polo director do Instituto Galego de Vivenda e Solo (IGVS), Heriberto García Porto, mantivo unha reunión co alcalde, Juan Carlos García Pose, na que analizaron a demanda de solo por parte do tecido empresarial do municipio coristanqués.

A conselleira recordou que esta actuación, que conta co plan de viabilidade, está incorporada no Plan Sectorial de Ordenación de Áreas Empresariais de Galicia, polo que era determinante confirmar a demanda existente por parte de empresas interesadas en asentarse, co fin de dimensionar as fases do mesmo.

Segundo un informe realizado polo Concello, a demanda inicial estímase nuns 40.000 metros cadrados, distribuídos en parcelas de mediano e pequeno tamaño. Así, tendo en conta a necesidade de solo para espazos comúns, vías e servizos xerais, vese necesario habilitar un ámbito duns 60.000 m2 .

Ángeles Vázquez felicitou ao rexedor local polo traballo de análise e valoración realizado, no que contou co apoio do equipo directivo e técnico do IGVS, e que hoxe lle permite xustificar unha necesidade real e ponderada á realidade.

Por último, a conselleira recordou que o Goberno galego prevé nas contas de 2022 unha partida de 27 millóns de euros para levar a cabo trámites, actuacións e obras co fin de reforzar o potencial dos parques empresariais da Comunidade autónoma.

O alcalde de Coristanco, Juan Carlos García, dixo que este “é un primeiro paso moi positivo que nos permitirá ir cubrindo etapas para dar resposta á demanda e ás necesidades das empresas interesadas que, maioritariamente, son da nosa contorna”.

A este respecto indicou que da prospección de demanda realizada no seu día polo Concello constataron unha necesidade duns 40.000 metros cadrados, por parte “de empresas familiares diversas, desde carpinterías e talleres de maquinaria a empresas de subministros e comercializadoras; en definitiva, o que representa á economía local do noso municipio”.

García Pose confía en que o proxecto “colla a inercia necesaria para facelo realidade o antes posible”, e espera que a iso contribúa o feito de que fose considerado de interese autonómico e que se incluíse no plan sectorial de áreas empresarias de Galicia.

VERDES. Na xuntanza, o rexedor de Coristanco tamén plantexou á conselleira outras actuacións de interese para o municipio. Entre elas, seguir actuando na revalorización do espazo natural de Verdes, “onde a Xunta de Galicia xa fixo unha intervención moi ben valorada, e agora coidamos que se debe avanzar nesa liña”, afirmou.

Tamén solicitou a colaboración da Administración autonómica para desenvolver proxectos de humanización e para implantar a recollida selectiva da fracción orgánica a través do colector marrón. Outra petición, que estudarán en Medio Ambiente, é a habilitación dun servizo de punto limpo, “xa sexa fixo, móbil ou compartido”.

08 ene 2022 / 01:00
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
TEMAS
Tema marcado como favorito
Selecciona los que más te interesen y verás todas las noticias relacionadas con ellos en Mi Correo Gallego.