Santiago
+15° C
Actualizado
martes, 23 abril 2024
16:11
h

Pecha con éxito o proxecto de difusión da cultura mariñeira

Os GALP fixeron balance en Caión do Pasaporte REMA // Con el achegaron o patrimonio atlántico á cidadanía local e foránea

A conselleira do Mar, Rosa Quintana, destacou o importante papel que desenvolven os grupos de acción local do sector pesqueiro (GALP) na salvagarda e na difusión do patrimonio mariñeiro. E puxo como exemplo a Rede de Espazos Museísticos Atlánticos (REMA), que naceu como un proxecto de cooperación destes grupos para divulgar a cultura vencellada ó mar.

Así o destacou durante a clausura da xornada de peche do Pasaporte REMA, (proxecto promovido por GALP de España e Portugal), que se celebrou en Caión (A Laracha) e que foi inaugurada polo delegado territorial da Xunta na provincida da Coruña, Gonzalo Trenor.

Quintana tamén incidiu en que, cos 27 espazos museísticos da rede REMA, Galicia move o patrimonio mariñeiro e o interese da poboación local e foránea, pois o seu obxectivo é multiplicar a oferta museística local. De feito, ao abeiro desta iniciativa, organizáronse actividades como REMA 360º, que consistiu en desenvolver unha unidade didáctica para os centros educativos localizados nos territorios dos GALP sobre cultura mariñeira atlántica e en formato escape room virtual facendo un percorrido pola Rede REMA. Participaron máis de 500 alumnos de corenta e un colexigos galegos.

No marco deste proxecto tamén se creou o selo Remiña co obxectivo de converter nun centro de peregrinaxe os diferentes espazos con contido museístico mariñeiro localizados nos territorios dos GALP. Igualmente, realizaron e desenvolveron, entre outros produtos, 10.000 miniguías ou fichas coleccionables dos espazos desta rede, paneis para a exposición O océano que nos une, unha unidade didáctica sobre o contido dos 27 espazos museísticos de REMA e seminarios para difundir contidos culturais.

CESTAS. Na xornada de peche deste proxecto Pasaporte REMA participaron tamén a directora xeral de Desenvolvemento Pesqueiro, Susana Rodríguez; o alcalde da Laracha, José Manuel López Varela; a súa homóloga de Muros e presidenta da Rede Rema, Inés Montegagudo; e o presidente do GALP, Evaristo Lareo, entre outros.

No acto presentáronse resultados de distintas actividades realizadas dentro desta iniciativa. Ademais, entre os que completaron o Pasaporte REMA, entregáronse vinte cestas con produtos mariñeiros elaboradas polas redeiras de Corme.

Neas incluíronse desde bombóns de mar e paté de bonito con mexillón até congro en sobre e un bote de escamas, un pack de algas kombo, infusións ECO Camino Avanza, dúas cervexas Larger e dúas botellas de auga de mar John Dor de Augas Santa, ademais de latas de conservas de Anfaco cun recetario e pins. Cada cesta incluía tamén unha caixa de madeira Boya 1884, un chaveiro de cáñamo, unha taza do Museo Marea e outra de Lama Lume, un polbo de peluche e un agasallo Pantoque.

Do mesmo xeito, premiáronse os museos que selaron máis pasaportes (selo Remiña). O encontro serviu igualmente para coñecer outras experiencias. Francisco Javier García, director dos museos municipais de Ponferrada (León) impartiu unha charla baixo o lema Buenas prácticas del trabajo en red. A maiores, ó final da xornada, o artista Ramón Trigo realizou un mural para o Centro Comunitario de Caión.

O Pasaporte REMA é unha iniciativa que ten a súa orixe no proxecto Morada Atlántica, que desde a súa posta en marcha buscou fomentar a cooperación transfronteiriza e a transferencia de coñecemento dos territorios costeiros do arco atlántico galego e portugués. O seu labor permitiu diversificar e desestacionalizar a oferta turística dos dous territorios usando a cultura do mar como base.

TURISMO CREATIVO. Este proxecto foi financiado polo Fondo Marítimo de Pesca (FEMP) e promovido polos Grupos de Acción Local do Sector Pesqueiro (GALP), que avogaron por desenvolver unha actividade turística creativa e adaptadas á nova realidade. Para iso, a iniciativa apostou pola implementación das TIC como canle para a información, aprendizaxe e formación dos visitantes e para a promoción da oferta cultural dispoñible nos espazos da Rede REMA.

18 dic 2021 / 01:00
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
TEMAS
Tema marcado como favorito
Selecciona los que más te interesen y verás todas las noticias relacionadas con ellos en Mi Correo Gallego.