Santiago
+15° C
Actualizado
sábado, 10 febrero 2024
18:07
h

Peche comercial en Baio, Vimianzo e Ponteceso

Din que non é un paro só para defender ao sector, senón tamén aos seus clientes // “Cada vez nos costa máis vivir”, aseguran

Os comerciantes de Baio, Vimianzo, Ponteceso, coincidindo co paro convocado pola hostalería, pecharán os seus negocios o vindeiro luns, día 28 de marzo, “non só para apoiar aos diversos sectores que o están pasando mal, incluido o comercio, senón tamén para para pedir unha solución para a cidadanía en xeral á que cada vez lle costa máis vivir”, afirma Tatiana Rellán, presidenta de Asociación de Empresarios Comarca de Soneira.

Asegura que ademais das razóns “que todos pensan, como apoiar ao transporte, ao sector primario e ao hostaleiro, debemos pensar en moitas máis”. Así, engade, dende as federacións de representación comercial “lanzan mensaxes onde culpan dos grandes males ao paro dos transportistas, pero non podían estar máis equivocadas”.

Lembra Tatiana Rellán que “vimos de dous largos anos de crise provocada pola covid, e desa época xa viñamos arrastrando a subida enerxética e o encarecemento da vida en xeral. Vimos algo de luz pensando que todo ía remontar, pero chegou a guerra co conseguinte encarecemento de absolutamente, e todo empezou a oscurecerse”. Non obstante, engade, aínda que agora que se lle bota a culpa a Putin ou ao transporte, a realidade é que “os nosos gandeiros debido á subida da luz e do cereal, xa estaban a producir a perdas”.

No sector comercial ven como sobe a enerxía, os produtos e o combustible pero tamén “vemos con desesperación como os nosos clientes perden poder adquisitivo a pasos axigantados, e nós mesmos, clientes doutras tendas, vemos como non podemos afrontar certos gastos”. Está a chegar o momento, engade Tatiana Rellán, “onde moita xente deberá elexir si poñerlle o aparato dental ao fillo, ou comer; o que necesita ir ao fisioterapeuta, pero debe pagar o gasoil; o que necesita quentar a casa, pero non pode pagar a luz”.

Por iso, aclara que este peche comercial “non é só por nós, nin só polo sector primario, polo transporte e pola hostalería. Este paro tamén é polos nosos clientes que son os que nos dan a vida e de comer todos os días, e sen eles non existe comercio nin comerciante”.

Lembra que a luz e o combustible “non son un luxo, son benes de primeira necesidade, e queremos poder vivir, sen moitos luxos, pero tranquilos”. Ante esta situación a presidenta da asociación Comarca de Soneira pide aos políticos que fagan o seu traballo que “para iso os elexiu e lles paga a cidadanía, que deixen de botar balóns fóra e busquen solucións útis para o conxunto da cidadanía”.

Desbota ademais as propostas de subvencións e máis endebedamento dos autónomos por entender que “son parches, e de parches non vivimos”, conclúe.

REDUCIR O CONSUMO. Por todo o exposto, dende o sector comercial de Baio, Ponteceso e Vimianzo convidan a sumarse ao paro previsto polo comercio e piden o “peche de todos os sectores o vindeiro luns, por eles, por nós e por vós”. Asemade, sinalan que con esta iniciativa “non só se trata de pechar, tamén debemos deixar de consumir ou consumir o xusto e necesario”.

26 mar 2022 / 01:00
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
TEMAS
Tema marcado como favorito
Selecciona los que más te interesen y verás todas las noticias relacionadas con ellos en Mi Correo Gallego.