Santiago
+15° C
Actualizado
sábado, 10 febrero 2024
18:07
h

Pedra Embarrada xa é un Ben de Interese Cultural

O dolmen de Coristanco terá protección patrimonial // Acolle arte prehistórica e motivos semellantes a Dombate e Regoelle

A Xunta de Galicia vén de inscribir o dolmen da Pedra Embarrada, da parroquia de Ferreira, en Coristanco, no rexistro de Bens de Interese Cultural de Galicia (BIC) como ben inmoble na categoría de xacemento arqueolóxico, o que supón recoñecer o seu réxime de protección patrimonial, dando resposta así a unha solicitude do Concello.

A Dirección Xeral de Patrimonio Cultural autorizou en 2021 a realización dunha prospección e delimitación de elementos patrimoniais no Chan das Embarradas e a súa contorna, para valorar a viabilidade da posta en marcha dun proxecto de revalorización deste conxunto patrimonial promovido pola administración municipal.

Esta actuación arqueolóxica concluíu, entre outros aspectos, que o dolmen conta con características habituais da arte prehistórica e ten motivos equiparables aos que se localizan noutros monumentos megalíticos do noroeste peninsular como o de Dombate (Cabana de Bergantiños), a Casa dos Mouros de Regoelle (Vimianzo), a mámoa 11 de Espiñaredo (Negreira) ou Chá de Parada 1 (Baiao, Portugal).

Esta documentación constata, polo tanto, que o dolmen da Pedra Embarrada conta cos requisitos legais fixados pola Lei do Patrimonio Cultural de Galicia para estar protexido xa que esta normativa outorga a consideración de BIC ás covas, abrigos e lugares ao aire libre que conteñan manifestacións de arte rupestre. Por iso, agora era necesaria a súa inscrición nos rexistros estatal e galego.

A resolución indica que a cámara megalítica amosa nunha das súas lousas unhas decoración gravada que, pola forma do suco, é de indubidable carácter prehistórico. Ademais, os motivos triangulares, posibles antropomorfos, non teñen paralelos, ata o momento na arte megalítica occidental, polo que a súa valoración cultural e a súa declaración individualizada como ben de interese cultural considérase plenamente xustificada.

Este dolmen constitúe a mámoa número 11, que se identifica na necrópole das Embarradas. Na súa posición central conserva unha cámara megalítica de planta poligonal e con corredor dun tramo aberto ao sureste diferenciado tanto en planta como, seguramente, en alzado. Aínda que bastante alterada polas remocións, está formada como mínimo por oito chantos, así como a lousa cuberta, partida e caída no interior. Unha das lousas da cámara, a que se atopa imediatamente ao leste da da cabeceira, que está situada fronte á entrada, presenta na súa cara interna varios gravados.

Presentan unha sección en U, unha característica habitual na arte pre-histórica que denota que se realizaron por abrasión, sen empregar obxectos metálicos na súa execución. Entre os motivos destacan polo menos tres elementos abstractos subrectangulares e dous triángulos, que semellan con certas cautelas, figuras humanas esquematizadas. Seguramente existan máis motivos na parte do chanto que aínda permanece enterrada.

Á hora da súa valoración tívose en conta a documentación achegada polo Concello de Coristanco e o informe técnico da Dirección Xeral de Patrimonio Cultural. Ademais de inscribilo no rexitro BIC galego, comunicarase esta resolución á Dirección Xeral de Belas Artes do Ministerio de Cultura e Deportes para os efectos da súa anotación no Rexistro Xeral de Bens de Interese Cultural da Administración do Estado.

05 mar 2022 / 01:00
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
TEMAS
Tema marcado como favorito
Selecciona los que más te interesen y verás todas las noticias relacionadas con ellos en Mi Correo Gallego.