Santiago
+15° C
Actualizado
sábado, 10 febrero 2024
18:07
h
CAMPAÑA. Escolares de Xallas descubriron en Laxe os beneficios de consumir os produtos do mar // Coñeceron tamén como se capturan e visitaron a lonxa // En Galicia case seis mil nenos e nenas participaron xa nesta iniciativa TEXTO J. M. Ramos

Peixe e marisco nos menús dos máis novos para gañar en saúde

A conselleira do Mar, Rosa Quintana, visitou o Museo do Mar de Laxe na compaña de medio cento de escolares do CEIP Plurilingüe Pepe de Xan Baña, de Santa Comba, que participaron na campaña Ti si que es un bo peixe, promovida pola Xunta de Galicia. O obxectivo, afirmou, é fomentar entre os máis cativos o consumo de produtos da pesca, o marisqueo e a acuicultura galegas.

Quintana, que estivo acompañada tamén polo rexedor local, José Luis Pérez, e pola alcaldesa de Santa Comba, María José Pose, lembrou que máis de 5.700 escolares de entre tres e catorce anos puideron coñecer en 2021 a través desta acción e de xeito ameno as distintas especies de peixes e mariscos que captura a frota galega e as súas propiedades nutricionais. Trátase dunha campaña posta en marcha o pasado curso para renovar a iniciativa O sabor da aventura está no mar, que entre os anos 2010 e 2020 chegou a máis de 82.100 nenas e nenos.

A esta acción da Consellería do Mar engádese Fai click ao teu bocata, que substituíu a Ponlle as pilas ao teu bocata, co obxectivo de promover o consumo de conservas de produtos do mar entre a poboación máis nova e de ensinarlle a empregalas como base de receitas sinxelas. Estas dúas campañas chegaron a máis de cento cincuenta mil escolares de toda Galicia desde os seus inicios no ano 2010.

Deste xeito, tal e como explicou Rosa Quintana durante a súa visita a Laxe, o obxectivo principal do Executivo autonómico é que os máis pequenos se acostumen a comer produtos do mar favorecendo así un aumento da súa demanda e, ao mesmo tempo, dos seus prezos.

FROTA GALEGA. Así, según indicou a titular de Mar, “contribúese a compensar os esforzos que está a realizar a frota galega actualmente para abastecer de alimento á cidadanía ante o encarecemento da enerxía e das materias primas”. Ti si que es un bo peixe forma parte da campaña máis ampla da Xunta Galicia sabe Amar, coa que o Executivo autonómico pretende impulsar o consumo de peixes e mariscos entre a cidadanía e difundir a gran variedade de produtos da máxima calidade que o complexo mar-industria galego pon a disposición de todos os consumidores.

As actividades realizadas este mércores serviron para que os escolares participantes puidesen coñecer no porto os distintos tipos de embarcacións, artes de pesca e especies que se capturan. Tamén visitaron a lonxa local, onde comprobaron como é o proceso de primeira venda dos produtos pesqueiros e marisqueiros, como se celebra unha poxa e a importancia do etiquetado.

COSTUMES. A visita ao Museo do Mar de Laxe serviulles tamén aos nenos e nenas do colexio xalleiro como aproximación á historia e costumes das xentes da Costa da Morte, que puideron coñecer a través de diferentes maquetas, fotos, vídeos e mapas, entre outros.

Antes de rematar a xornada na vila mariñeira, entregóuselle a cada escolar unha bolsa con diversas preparacións realizadas a base de peixe. Os monitores que os acompañaron complementaron o agasallo cunha pequena explicación sobre as súas propiedades nutricionais.

A protagonista
“É tamén un apoio ao propio sector”
Rosa Quintana
Conselleira do Mar

Rosa Quintana asegurou que esta campaña ten un dobre obxectivo. Por unha banda, promover o consumo de peixes e mariscos entre os nenos, “que teñen que coñecer este medio e o que é unha alimentación sa, porque se aprenden a comer ben serán unhas persoas sas o día de mañá e iso tamén reducirá o gasto en sanidade pública”. Por outro lado, engadiu, a iniciativa busca apoiar aos sectores da pesca, o marisqueo e a acuicultura “porque se fomentamos o consumo tamén estamos fomentando o valor engadido dos produtos do mar”.

{ PASABA POR AQUÍ }
Aposta polo natural
Manuel Lavandeira

Vivimos nunha sociedade moi sensibilizada con conceptos e termos como ecolóxico, biosaudable ou sustentable pero, moitas veces, esquecémonos de que todas esas definicións son simples apelidos que se lle poñen ao que xa temos e que non valoramos na súa xusta medida. Ese é o caso dos peixes e mariscos que cada día traen para terra os profesionais do mar. Non hai nada máis fresco, natural e local que eses produtos do mar que pasan a diario polas lonxas das nosas vilas portuarias. Se a iso lle engadimos que ademais son moi saudables, sobran as etiquetas. Pero todo isto é necesario que se saiba e se difunda debidamente desde a escola para que as novas xeracións aprendan a valorar a riqueza e saúde que nos brindan o mar e o agro.

28 abr 2022 / 01:00
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
TEMAS
Tema marcado como favorito
Mar
Selecciona los que más te interesen y verás todas las noticias relacionadas con ellos en Mi Correo Gallego.