Santiago
+15° C
Actualizado
martes, 23 abril 2024
16:11
h
Unha andaina con medio cento de persoas achegouse ós lugares máis importantes da vida e da obra do poeta xalleiro nacido hai 150 anos // Recitáronse versos con referencias a San Bartolomeu ou ao cemiterio de Santa Sabiña TEXTO Manuel Boo

Pepe de Xan Baña desperta un debate en torno á emigración

O Concello de Santa Comba impulsa varias actividades a un tempo para homenaxear ao xalleiro José Baña Pose, máis coñecido polo seu alcume de Pepe de Xan Baña, cando se cumpre o 150 aniversario do seu nacemento.

As cafeterías do municipio xa están a repartir os sobres de azucre con versos e a imaxe de quen foi dependente de adega, seminarista, propietario dun restaurante, poeta, xornalista, comerciante, mestre... pero sobre todo, un dos escritores que cultivou o galego na emigración durante a súa estadía en Cuba. O obxectivo é dar a coñecer como este escritor homenaxeaba coas súas rimas á súa terra, ós seus paisanos ou á toponimia.

Pero a homenaxe a este emigrante que emprendeu camiño cara a Cuba cando tiña 17 anos, embarcando o 19 de decembro de 1889, vai máis alá. Esta mesma fin de semana tivo lugar un roteiro guiado pola responsable de Normalización Lingüística do Concello, Patricia del Castillo.

A propia alcaldesa de Santa Comba, María Pose, acudiu ó punto de partida para felicitar ós participantes nesta andaina de doce quilómetros organizada en torno á figura do poeta de Varilongo, que arrancou da ermida de San Bartolomeu, lugar ó que o autor fixo referencias nos seus escritos e donde o concelleiro de Educación, Manuel Iglesias, recitou algúns versos de Pepe de Xan Baña. Entre as persoas que completaron o traxecto estaba tamén unha familiar descendente de Pepe de Xan Baña. Alba González Duarte, bisneta dunha sobriña do poeta de Varilongo, disfrutou dun xeito moi especial desta actividade.

A continuación o grupo achegouse ó cemiterio de Santa Sabiña, donde están enterrados os pais de Pepe de Xan Baña e que ten un especial significado porque no ano 1921, cando cruzou de novo o charco para visitar a súa Santa Comba natal, o poeta non deixou pasar o seu labor altruista aportando vinte mil pesetas da época para investir neste camposanto da súa parroquia.

Unha das paradas máis emotivas foi no monte do Cuzo, ó que Pepe de Xan Baña acudía de rapaz para coidar as ovellas, que era a principal ocupación que tiña na súa casa despois de ir só tres anos á escola. A súa amplia formación chegaríalle xa en Cuba da man do Seminario, no que ingresou tres anos despois de chegar, aínda que non finalizou a carreira eclesiástica. A súa faceta profesional derivou posteriormente ó xornalismo, sendo a man dereita de Curros Enríquez, unha das figuras do Rexurdimento, e traballando con el no diario La Tierra Gallega que fundou o autor de Celanova na Habana.

Son moitos os que consideran que a obra de Curros non sería a mesma de non ser pola influencia de Baña Pose, quen tivo unha importante presenza na prensa cubana, tanto en xornais locais como nos periódicos da colectividade galega. Foi redactor do semanario Follas Novas e colaborador no Diario de la Marina, Diario Español e Santos e Meigas.

O roteiro seguiu o seu camiñar, e despois de realizar unha nova lectura da súa obra na casa que o viu nacer o 4 de xaneiro de 1872, fíxose unha reflexión profunda cerca de Santa Sabiña. Aos pés dunha palmeira, símbolo indiano por excelencia, os asistentes falaron sobre o trato case que humorístico que Pepe de Xan Baña dedicaba á emigración, aínda que por veces tamén amosaba un sentimento de desarraigo.

As homenaxes a tan destacado escritor xalleiro seguen e nestes días, e os escolares de Santa Comba están a plasmar nun debuxo a súa idea sobre o poeta e xornalista local para un concurso que terá o acto de entrega de premios o día 2 de xunio, ás doce e media da mañá, no colexio que leva o nome de Pepe de Xan Baña e no que, ademáis, está previsto que se descubra unha placa conmemorativa.

24 may 2022 / 01:00
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
TEMAS
Tema marcado como favorito
Selecciona los que más te interesen y verás todas las noticias relacionadas con ellos en Mi Correo Gallego.