Santiago
+15° C
Actualizado
sábado, 10 febrero 2024
18:07
h

Piden expropiar a Torre e O Pazo de Guimarei polo seu abandono

O BNG leva ao Parlamento a situación dos dous elementos patrimoniais, declarados BIC

O BNG da Estrada traslada ao Parlamento galego a situación da Torre e o Pazo de Guimarei e, a través dunha iniciativa presentada pola deputada nacionalista Montse Prado, insta á Xunta a expropiar ambos elementos patrimoniais do citado concello.

Militantes da organización nacionalista da Estrada acompañaron este sábado á deputada do BNG Montse Prado a coñecer in situ a situación na que se atopan a Torre e o Pazo de Guimarei.

A concelleira Susana Camba, que tamén presentará unha moción no Concello, explicou que “o estado de abandono da Torre, que é un elemento catalogado como BIC pola Xunta de Galicia en 1994, e os reiterados incumprimentos por parte do propietario, así como o pasotismo do goberno municipal, leváronnos a presentar esta iniciativa para que a Xunta expropie a Torre e o Pazo de Guimarei, que é a única alternativa que nos queda se queremos conservar o noso patrimonio”.

Pola súa banda, Prado explicou que “a Xunta non pode permitir que un patrimonio deste valor, e declarado BIC, estea totalmente abandonado e en estado de ruína. Ten instrumentos para actuar e ten a obriga de facelo. En caso de non ser posible o acordo cos propietarios para a súa adquisición, a Lei 5/2016 no seu artigo 51 faculta á Xunta de Galicia a expropiar elementos patrimoniais catalogados como BIC, cando se pon de manifesto o incumprimento do deber de conservación dos bens de interese cultural”, explicou ó respecto.

Por outra banda, engadiu que a lei tamén contempla a expropiación dos elementos anexos á torre, isto é, o pazo do século XVII, así como outras estruturas pertencentes a este, apelando ao apartado 3 do citado artigo, que di que “así mesmo, serán causa xustificativa de interese social para os efectos da expropiación as melloras nos accesos aos Bens de Interese Cultural, a dignificación do seu contorno e, en xeral, a mellora das condicións para a súa valorización e función social”.

A expropiación que propón a formación nacionalista ten como fin a posta en valor dos elementos expropiados e a protección dos mesmos.

09 oct 2022 / 01:00
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
TEMAS
Tema marcado como favorito
Selecciona los que más te interesen y verás todas las noticias relacionadas con ellos en Mi Correo Gallego.