Santiago
+15° C
Actualizado
sábado, 10 febrero 2024
18:07
h
Tordoia, Trazo, Frades , Melide e Touro ofrecen acceso gratuíto as súas instalacións // Algunhas delas imparten cursos de natación // Abren toda a semana, aínda que en certos municipios pecharán en caso de mal tempo // A vila trazense inclúe este ano unha adecuada a bebés para que chapoteen TEXTO A. Prada

Piscinas municipais contra a calor

Os municipios da contorna de Santiago teñen o mar bastante cerca, con todo, non sempre se dispón de tempo, medios ou gañas para desprazarse ata a praia. E é aí cando as piscinas se posicionan como as favoritas ante a vaga de calor actual, especialmente entre as familias, xa que organizar unha viaxe con nenos pode resultar bastante complicado.

Este ano o municipio máis madrugador foi Tordoia, que decidiu abrir as portas da súa piscina xa o 11 de xuño aproveitando o bo tempo e que tiñan o persoal listo. A entrada é de balde e permanece aberta de 13.00 a 21.00 horas toda a semana. Asemade as instalacións atópanse en moi boas condicións xa que o ano pasado foi obxecto de reformas.

Frades foi outro dos municipios que decidiu pór a piscina a disposición da veciñanza antes de xullo. Neste caso tamén se pode desfrutar gratuitamente das instalacións. O horario é de 15.30 a 21.00 horas de luns a venres e de 14.00 a 21.00 sábado e domingo. Hai que lembrar que como pasa en Tordoia tamén no 2021 tivo unha intensa remodelación. Neste caso a reforma incluíu a impermeabilización do vaso, a mellora do sistema de depuración e canalización, a dotación dun acceso para persoas maiores ou de mobilidade reducida e o repintado de todas as instalacións, entre outras. Uns traballos que supuxeron un investimento de 98.041,29 euros.

A piscina municipal de Boqueixón tamén se adiantaba a xullo. As instalacións, emprazadas en O Forte, permanecerán abertas ao público ata o vindeiro 5 de setembro en horario de 15.00 a 21.00 horas, de luns a domingo. Pechará en caso de mal tempo. Neste caso os interesados en desfrutar dela deben pagar un bono. Hai tamén cursos para crianzas de entre 4 e 15 anos. Melide abriu as súas na Área Recreativa de Furelos de 12.00 a 20.00 horas e o acceso é gratuíto. Tamén o fixo Trazo, que este ano incorpora asemade unha piscina de chapoteo para bebés. As piscinas da vila son de balde e permanecen abertas de 12.00 a 21.00 horas durante toda a semana. Asemade tamén se ofrecen cursiños de natación de balde en horario de 16.00 a 17.00 de luns a venres. Pola súa banda, Arzúa tamén conta con piscina municipal pero xestionada por Soom management, polo que hai que pagar tarifas.

Vedra abriu xa o mes pasado as instalacións. Fíxoo en horario de 15.00 a 21.00 durante a semana e de 16.00 a 21.00 os sábados, domingos e festivos. Igualmente neste caso hai que mercar entradas ou abonos e faise directamente na instalación. Os menores de 6 anos empadroados na vila entran gratis.

O Pino inaugurou a tempada de verán este mes coa apertura da piscina municipal de Lameiro, instalación que permanecerá aberta ata setembro todos os días da semana de 12.00 a 20.00 horas. O prezo da entrada individual é de 3,60 euros por persoa e día, existindo a posibilidade de optar a abonos de tempada con prezos reducidos. Ofrecen tamén cursos de natación.

Touro, pola súa parte, ten este servizo estival de balde para a veciñanza censada. As súas instalacións permanecen abertas de luns a venres de 16.00 a 20.30.

18 jul 2022 / 01:00
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
TEMAS
Tema marcado como favorito
Selecciona los que más te interesen y verás todas las noticias relacionadas con ellos en Mi Correo Gallego.