Santiago
+15° C
Actualizado
martes, 23 abril 2024
16:11
h

Plan de turismo consciente para valorizar o espazo natural de Razo-Baldaio

Haberá obradoiros, roteiros, xornadas de eliminación de invasoras, astronomía e un simulacro de rescate de cetáceos // Comezarán o 29 de xuño e rematarán o 25 de agosto

Depois do éxito das edicións pasadas, o Concello de Carballo dará continuidade este verán ao proxecto Eu quero Razo-Baldaio, que pretende crear hábitos de turismo consciente no litoral. Contarán, un ano máis, coas entidades que veñen desempeñando accións relacionadas coa sustentabilidade da costa carballesa. O obxectivo “é valorizar a contorna co convencemento de que canto máis se coñeza, máis se respecte”.

As actividades comezarán os días 29 e 30 de xuño cun obradoiro de restauración da escultura da Píllara de vimbio, no campo de Razo. O taller será impartido por Idoia Cuesta. Xa no mes de xullo, o día 2, haberá unha xornada de iniciación á ornitoloxía, e o día 6, os interesados poderán sumarse a un roteiro para descubrir os segredos culturais da costa carballesa.

Outra ruta permitirá descubrir as pegadas e os indicios nos camiños, os días 9 e 10 de xullo, e o día 13 explorarán as pozas da marea. Un ano máis convocarán ao voluntariado para participar nunha xornada de eliminación de especies invasoras, o día 20, e o mes de xullo rematará cunha nova edición de A noite das Avelaíñas, o día 27.

Para o mes de agosto están programadas unha xornada de identificación da fauna e flora das contornas dunares do espazo natural de Razo e Baldaio, e unha limpeza colectiva dos respectivos areais. Esta acción centrarase na recollida e retirada de plásticos e microplásticos.

O día 13 organizarase unha ruta nocturna pola Eira das Meigas, do Monte Neme. Para o día 19 está prevista unha Noite de Astronomía e, ao día seguinte, celebrarase a Festa da Praia, unha das novidades desta edición. Será un encontro lúdico pensado para toda a familia, que contará con máis de vinte e cinco xogos diferentes, carpas, música, fornos solares, circo e moitas sopresas máis. Ese mesmo día, o 20 de agosto, celebrarase tamén unha xornada para coñecer as orixes da costa de Carballo.

As actividades do programa Eu quero Razo-Baldaio rematarán o día 25 de agosto cun simulacro de cetáceos, unha novidade moi divertida e didáctica, da man do colectivo Cemma, que ensinará aos asistentes como actuar no caso de atoparse cun cetáceo varado na beira do mar. Terá lugar na praia de Razo, de 10.30 a 13.30 horas.

Sinalar que a maioría das accións programadas requerirán de preinscrición, e os participantes deberán achegarse polos seus propios medios ao punto onde se desenvolvan as actividades.

Asemade, a programación complementarase cun servizo de bibliopraia, que estará operativo no mes de xullo de luns a venres, de 13.30 a 17.30, e en agosto de 13.30 a 16.30 h. Igualmente, estará aberto ao público o Punto de Información Turística, que atenderá ás persoas interesadas de martes a venres, de 11.00 a 14.00 e de 15.30 a 18.30 horas, e as fins de semana de 11.00 a 15.30 horas.

Esta nova edición do proxecto foi presentada no miradoiro de Santa Irena, nun acto presidido polo alcalde, Evencio Ferrero; o edil Juan Seoane; o técnico de Medio Ambiente, Santiago Andrade, e Andrés Pereira e María Becerra, en representación das entidades colaboradoras.

18 jun 2022 / 01:00
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
TEMAS
Tema marcado como favorito
Selecciona los que más te interesen y verás todas las noticias relacionadas con ellos en Mi Correo Gallego.