Santiago
+15° C
Actualizado
sábado, 10 febrero 2024
18:07
h
A Zona Franca de Vigo analizará o tecido empresarial e a situación social, demográfica, tecnolóxica ou ambiental // Repasará a repercusión da crise ocasionada polo COVID
// Busca a mellora da competitividade económica e a calidade de vida TEXTO Víctor Furelos

Plan para darlle impulso a Caldas, Cuntis, Catoira e Ponte Caldelas

O Consorcio da Zona Franca de Vigo vai poñer en marcha o desenvolvemento dun plan estratéxico para a agrupación de concellos formada polos de Caldas de Reis, Catoira, Cuntis e Ponte Caldelas, que inclúa un exhaustivo diagnóstico territorial, os obxectivos estratéxicos e unha folla de ruta con actuacións específicas, claras e realistas para a mellora da competitividade económica e a calidade de vida dos veciños destes catro municipios.

Neste senso, o delegado do Estado no Consorcio da Zona Franca de Vigo, David Regades, asinou este martes en Caldas de Reis un acordo cos alcaldes de Caldas (Juan Manuel Rey), de Catoira (Alberto García), de Cuntis (Manuel Campos Velay) e de Ponte Caldelas (Andrés Díaz Sobral) para realizar o devandito traballo de análise, que permitirá establecer os mecanismos para a toma de decisións para mellorar a competitividade e a impulsar actividades de impacto positivo no crecemento económico, a xeración de emprego e a sustentabilidade a longo prazo.

O traballo comezará cun diagnóstico estratéxico con toda a información e datos obxectivos dos municipios e a súa contorna. Non só se analizarán a economía, o tecido empresarial e a situación social, demográfica, tecnolóxica ou ambiental, senón tamén a repercusión da crise ocasionada polo COVID. A información sintetizarase nunha matriz DAFO, cun informe final que incluirá cada sector, as áreas económicas e o futuro potencial que teñen todos os concellos asinantes e a súa repercusión no desenvolvemento económico no seu contorno.

De cara á consecución dos obxectivos previstos, as partes acordan a constitución dun grupo de traballo paritario que estará integrado polas persoas que, a estes efectos, designe cada unha das asinantes do acordo, sendo o seu número mínimo de tres representantes por cada parte.

O plan, tal e como indicou o delegado da Zona Franca, “terá una duración máxima de catro anos e terá a visión dos expertos e da economía da zona para recompilar opinións, percepcións e ideas de axentes e entidades público-privadas relevantes sobre a situación actual e os retos futuros. Tamén se estudarán casos de éxito, modelos similares no mundo, para traer eses exemplos que poidan ser inspiradores”, explicou ao respecto.

O alcalde de Caldas, Juan Rey, sinalou que se trata “dun plan estratéxico supramunicipal e unha ferramenta imprescindible para o desenvolvemento ordeado da comarca, que nos vai permitir alcanzar altas cotas de desenvolvemento socioeconómico, así como mellorar o emprego e a calidade de vida.”

COMPETITIVIDADE. Os mandatarios de Catoira e Cuntis coincidiron en destacar a importancia da colaboración das institucións públicas, xa que proxectos como este que permitirán analizar a economía dos diferentes concellos contribuirán a poñer en marcha novos proxectos que suporán un impulso á economía coa consecuente creación de novos postos de traballo.

Pola súa banda, o rexedor de Ponte Caldelas indicou que “este tipo de proxectos son moi favorecedores para a economía local, porque axudan a mellorar a competitividade do pequeno comercio, un comercio de proximidade que enriquece os municipios rurais e mantenos vivos, permitindo atraer máis poboación e evitando o despoboamento rural. Ademais, en Ponte Caldelas, onde contamos co polígono empresarial de A Reigosa, interésanos seguir traballando no asentamento de empresas que sigan xerando postos de emprego para a nosa veciñanza”.

VISITA A CALDAS. Despois da firma, os asinantes percorreron o xardín botánico e a carballeira de Caldas de Reis. Ambas xorden dunha iniciativa municipal no ano 1884 e que na actualidade conta coa declaración de Ben de Interese Cultural e tamén coa prestixiosa certificación Q de Calidade Turística.

Para rematar, fixeron unha foto de familia fronte ao Memorial das Palabras, cuxo autor é Xavi Muñoz. Tal e como explicou o mandatario de Caldas, “trátase dunha instalación artística de arte pública cuxo material simbólico é a memoria local, debido a que recolle palabras para a memoria, procedentes de persoas de Caldas”. Cómpre lembrar que o citado proxecto xorde como unha iniciativa do Concello con motivo do décimo aniversario da actividade denominada Kaldarte, no marco do Festival Cultura Quente.

O muro está composto por 462 palabras cunha composición en forma de crucigrama, facendo un total de 8.024 baldosas brancas e negras.

areadecompostela@elcorreogallego.es

Ferramentas necesarias

facer as cousas con sentidiño en política é o máis aconsellable. Hai quen ten un carácter máis impulsivo e mesmo quen non é quen de facer nada, e ata hai quen escaralla todo o que toca. Pero non é o caso de Caldas, Catoira, Cuntis e Ponte Caldelas que queren facer bo aquelo de que a unión fai a forza. Coa colaboración da Zona Franca de Vigo buscan potenciar a competitividade económica das súas empresas e mellorar a calidade de vida dos habitantes do concello. Pero primeiro van analizar as súas potencialidades e tamén as súas eivas. Ese é o camiño correcto. Un político non o sabe todo e debe utilizar as ferramentas necesarias para acadar os seus obxectivos, que non deben ser outros que a prosperidade dos seus veciños.

25 ago 2021 / 01:00
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
Selecciona los que más te interesen y verás todas las noticias relacionadas con ellos en Mi Correo Gallego.