Santiago
+15° C
Actualizado
sábado, 10 febrero 2024
18:07
h
Planificación. A Deputación quere deseñar a Axenda Urbana de dez concellos // Facer fronte ao cambio climático, fomentar a mobilidade sustentable e mellorar a calidade de vida son algúns dos obxectivos // Pedirá unha axuda TEXTO M. Lavandeira

Plan piloto na Costa da Morte para definir as cidades futuras

A Deputación da Coruña aprobou, por unanimidade, solicitar unha subvención ao Ministerio de Transportes, Mobilidade e Axenda Urbana para a a execución dun proxecto piloto consistente na elaboración dun Plan de Acción local da Axenda Urbana para a Costa da Morte.

A Axenda Urbana é un documento estratéxico que persegue acadar a sustentabilidade nas políticas de desenvolvemento urbano. Constitúe ademais un documento de traballo e un proceso para todos os actores, públicos e privados, que interveñen na planificación dos núcleos urbanos. Este novo método de traballo busca maximizar o potencial de crecemento das cidades e os territorios e, a través del, abordar os diferentes retos sociais.

O obxectivo é reflexionar e transitar cara un modelo de cidade futura que sexa máis resiliente aos retos do cambio climático, que conte cunha boa planificación urbanística, que goce dunha mellor calidade da contorna e que sexa facilmente recorrible a pé e en medios de transporte non contaminantes, que favoreza a preservación do territorio e a cohesión social, que sexa máis verde e permeable e que favoreza a economía circular e a biodiversidade urbana. Todo isto tendo en conta as novas realidades da era dixital e co obxectivo último de dotar de maior calidade de vida aos seus habitantes.

Por todo isto, dende a entidade provincial concíbese a Axenda Urbana como o instrumento de planificación estratéxica máis axeitado para acadar a sustentabilidade nas políticas de desenvolvemento territorial da provincia e de aí o interese da Deputación nesta convocatoria, necesaria para explorar novas fórmulas de planificación do territorio e en especial, en desenvolver un novo esquema de planificación territorial baseado en áreas funcionais que poidan ser replicables noutros territorios dispersos compostos por varios municipios pequenos.

O presidente da Deputación, Valentín González Formoso, explicou que a área de intervención proposta para o desenvolvemento do proxecto piloto para a elaboración do Plan de Acción local da Axenda Urbana da Costa da Morte está composta polos concellos deCee, Corcubión, Fisterra, Dumbría, Muxía, Vimianzo, Camariñas, Carnota, Mazaricos e Zas, que suman un total de 45.673 habitantes e, a nivel de planificación estratéxica, atópanse nunha situación similar en canto a plans aprobados e postos en marcha, tamén en relación a datos demográficos e socioeconómicos, así como no relativo a debilidades, ameazas, fortalezas, oportunidades, problemáticas e retos a abordar de cara ao futuro.

A candidatura de proxecto piloto para a elaboración do Plan de Acción Local da Axenda Urbana é da Costa da Morte identificará os principais retos aos que se enfronta esta zona, tratando de perfilar medidas e actuacións en tres grandes ámbitos: social, económico e ambiental-patrimonial.

NOVE MESES. Este plan de acción local terá un período de execución de nove meses e un orzamento estimado de 150.000 euros, que serían totalmente sufragados pola subvención do Ministerio de Transportes, Mobilidade e Axenda Urbana, no caso de ser finalmente concedida.

O protagonista
“Servirá de modelo para outras áreas”
Valentín González
Presidente da Deputación da Coruña

O presidente da Deputación da Coruña, Valentín González Formoso, asegura que “os municipios que conforman o territorio da Costa da Morte contan cunha forte tradición de colaboración, cooperación e participación público–privada no que se refire a planificación estratéxica, aspecto que avala aínda máis a súa idoneidade como territorio piloto para un Plan de Acción da Axenda Urbana que sirva de referencia para outras áreas similares”.

A Deputación coruñesa, como axente dinamizador do territorio provincial, procura coa presentación desta candidatura ante o Ministerio facer da Costa da Morte un exemplo a seguir, “levando o medio rural como estandarte, adaptando a zona aos desafíos territoriais que nos depara o futuro e mellorando a calidade de vida dos seus habitantes”, conclúe o presidente provincial.

{ Pasaba por aquí }
Adaptarse ás necesidades
Manuel Lavandeira

A planificación cunha visión global e con proxección de futuro é un reto do presente. Isto esixe un cambio de mentalidade, tanto dende as administracións como dos propios cidadáns. A elaboración de plans de ordenación urbana non pode limitarse a definir os tipos de solo, senón que debe ir máis aló, e chegou a hora de abandonar as visións e os intereses localistas. O cambio climático é unha realidade e para minimizar, na medida do posible, os seus efectos, é preciso mudar os hábitos actuais dun xeito global. Os proxectos de humanización que agora se están acometendo nas rúas dalgunhas vilas deben ir máis aló, de xeito que esa humanización abranga todos os ámbitos poboacionais, dende os núcleos rurais ata as cidades.

31 oct 2021 / 01:00
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
TEMAS
Tema marcado como favorito
Selecciona los que más te interesen y verás todas las noticias relacionadas con ellos en Mi Correo Gallego.