Santiago
+15° C
Actualizado
sábado, 10 febrero 2024
18:07
h

Plan promocional e de revalorización do Camiño de Santiago a Fisterra e Muxía

A Asociación de Concellos desta ruta prepara conferencias, mostras, programas formativos, experiencias turísticas, estudos e novas ferramentas de comunicación

A Asociación de Concellos do Camiño de Fisterra e Muxía, que integra a Ames, Cee, Corcubión, Dumbría, Fisterra, Negreira e Santiago, promove un plan de actuación orientado á mellora da calidade, competitividade e actividades turísticas neste 2022.

Este plan permitirá desenvolver 11 actuacións, grazas ás aportacións financeiras ordinarias e extraordinarias dos concellos e co cofinanciamento da Deputación da Coruña, ao que se suma unha axuda para a promoción do Camiño da Axencia Turismo de Galicia.

O venres 4 de novembro ás 19.00 horas inaugurarase un ciclo de conferencias no Museo do Pobo Galego, coa presentación Camiño de Fisterra, cabo do mundo. Valores e significacións, a cargo de Manuel Castiñeiras, presidente do Comité Internacional de Expertos do Camiño de Santiago. O ciclo continuará os días 10 de novembro, no que participará Antón Pombo, historiador e investigador especializado no Camiño; 17 de novembro, con Manuel Vilar, director do Museo do Pobo Galego; e 25 de novembro, con Francesca Riccio, do Ministerio de Cultura de Italia, quen presentará o patrimonio de Puglia e, dentro del, a extensión da Vía Francíxena desde Roma a Leuca no Finibus Terre; un itinerario co que o Camiño de Fisterra e Muxía garda notables similitudes.

O resultado deste ciclo de conferencias será unha exposición itinerante que percorrerá os municipios de Ames, Negreira, Dumbría, Cee, Corcubión e Fisterra en decembro, presentando os valores do Camiño a partir das aportacións dos expertos convidados e facilitando ferramentas para que o público formule as súas suxerencias e comentarios, abrindo así a exposición á participación da poboación local e dos peregrinos.

Para reforzar a difusión do Camiño de Fisterra e Muxía máis alá das nosas fronteiras, celebrarase unha xornada de internacionalización dirixida a peregrinos doutras nacionalidades aloxados en Santiago, co obxectivo de animalos a regresar a Galicia para continuar o Camiño cara ao fin do mundo (data a definir).

Asemade, o día 30 de novembro convidarase a touroperadores a asistir a unha xornada de familiarización, na que descubrirán os valores deste Camiño a través de presentacións, visitas e degustacións de produtos da gastronomía local.

Nos meses de novembro e decembro desenvolverase tamén un programa formativo dirixido ao sector hostaleiro, composto de cursos de calidade e inglés, cada un deles cunha duración de 20 horas distribuídas en 5 xornadas. Está tamén en estudo a execución dunha actuación específica orientada á creación de experiencias turísticas.

O plan complétase coa colaboración coas universidades da provincia da Coruña, cunha acción para a publicación dun libro relacionado con este Camiño e outra actuación, en desenvolvemento, para a posta en marcha dun programa de mentorización. Asemade, inclúense dúas accións para un mellor coñecemento cuantitativo e cualitativo dos peregrinos que prolongan a súa experiencia para chegar a Fisterra e Muxía. Trátase dun estudo do perfil do peregrino e dun informe que presente as alternativas para o deseño dun sistema de cómputo de peregrinos, que supere a debilidade que presenta este Camiño na contabilización do número real de usuarios.

Finalmente, o plan inclúe unha serie de ferramentas de comunicación. Estase a traballar na creación de marca, no lanzamento dunha web, nunha aplicación móbil e na gravación e edición de material audiovisual e fotográfico; así como nunha reportaxe en El Viajero, que se publicará o 16 de decembro. Todos os resultados deste plan de actuación serán presentados nun gran evento final que terá lugar o 30 de decembro.

03 nov 2022 / 01:00
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
Selecciona los que más te interesen y verás todas las noticias relacionadas con ellos en Mi Correo Gallego.