Santiago
+15° C
Actualizado
sábado, 10 febrero 2024
18:07
h

Ponteceso ten un plan para converterse no concello máis saudable de España

Habilitou unha sala de exercicios gratuíta que poderá usarse os 365 días do ano // Para acceder basta ter un móbil intelixente con conexión bluetooth

O Concello de Ponteceso puxo en marcha a estratexia #Ponteenforma2023 coa que aspira a ser o municipio máis saudable de España. Unha iniciativa que coincide coa apertura dunha sala gratuíta de exercicios á que se pode acceder os 365 días do ano de 5 da mañá ás 12 da noite, con cita previa chamando ao 981 714000 ou solicitándoa presencialmente no consistorio.

A idea partiu do propio alcalde, Lois García, quen, vendo a todos os pais e nais que levan os fillos e fillas ás actividades que oferta o Concello, pensou: “Por que non lles damos unha chave dixital para que poidan tamén eles facer deporte mentres os seus fillos están nas clases de judo, arte, cerámica ou danza?”

Desde este luns, día 9, todos eles poden acceder xa á sala de exercicios previa solicitude. Aínda que as persoas empadroadas, maiores de 60, xubiladas, mozos e menores de 30 anos, persoas con minusvalía e emigrantes retornados terán preferencia, calquera pode darse de alta.

Só precisa dispor dun móbil intelixente con conexión bluetooth e un correo electrónico. E se algunha persoa “non sabe, axudámola e incluso a acompañamos a activar a chave”, afirma o rexedor. “Eu xa o fixen cun veciño de Tella de 80 anos e quedou encantado”, engadiu.

Ademais, para “coidar aos que nos coidan” terán acceso sen necesidade de cita previa os empregados do Concello, voluntarios en activo de Protección Civil e tamén os sénior e junior, persoal do Sergas e da Garda Civil, e os profesionais do directorio de saúde como fisioterapeutas, farmacias e parafarmacias, preparadores físicos e outros profesionais da saúde.

Lois García sinala que “sabemos que cando vai sol, van andar polas nosas fermosas paraxes, pero que cando chove non poden, e así dámolles unha alternativa. O deporte é social, é diversión, mentres os fillos e fillas fan piña nas actividades, os pais, nais ou avós que traian o chándal e as zapatillas porque tamén van facer piña mentres se poñen en forma”, conclúe.

Deste xeito, o Concello pontecesán da un paso máis e pon a disposición da veciñanza un novo servizo municipal que, ademais, ten como obxectivo contribuír a mellorar a súa saúde.

Malpica de Bergantiños
Os camiños de Santiago

··· Pola súa banda, o Concello de Malpica convida tamén a percorrer os tres itinerarios dos camiños de Santiago que parten dende os portos da comarca de Bergantiños. Con tal fin o vindeiro sábado, día 14 ás 19.30 horas no Centro Cívico, a concellería de Patrimonio, que dirixe Noelia Freijeiro, presentará esas rutas.

··· Un deses itinerarios parte da vila de Malpica en dirección a Buño. Outro sae de Caión (A Laracha) e conflúe co anterior, e o terceiro ten como punto de partida o porto de Barizo, confluíndo en Ponte Dona cos dous anteriores, para logo continuar por Castriz e Carboeiro ata Portomouro e Santiago de Compostela.

10 ene 2023 / 01:00
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
TEMAS
Tema marcado como favorito
Selecciona los que más te interesen y verás todas las noticias relacionadas con ellos en Mi Correo Gallego.