Santiago
+15° C
Actualizado
sábado, 10 febrero 2024
18:07
h
Infraestruturas. Achacan a demora dos traballos ao axustado marxe temporal das ventás de execución en obra // Din que é unha das actuacións máis complexas acometidas polo ente // O investimento ascende a 3,7 millóns TEXTO Manuel Lavandeira

Portos fixa para outubro a fin dos traballos de dragaxe no peirao de Laxe

A Consellería do Mar, en resposta a unha pregunta do deputado do BNG, Daniel Pérez, confirmou que Portos de Galicia ten previsto rematar no mes de outubro a dragaxe do porto de Laxe, unha obra na que a Xunta investiu 3,7 millóns de euros.

Unhas obras que comezaron no ano 2020 e que estaba previsto acometer inicialmente en dúas anualidades pero, “finalmente tense necesitado unha terceira campaña anual que se está a desenvolver en 2022”, afirman. Os motivos desta dilatación “débense en primeiro lugar ao axustado marxe temporal das ventás de execución de obra, excesivamente curtas”.

Ademais, engaden dende Portos de Galicia que durante a execución da obra a natureza do terreo a dragar, estimada en base ao correspondente estudio xeotécnico, “resultou máis compacta do esperado, reducindo a produtividade dos equipos de traballo”. Estas diferencias, engaden, “entran absolutamente dentro da normalidade ao non tratarse dunha ciencia exacta”.

Aseguran que “é unha das obras de maior complexidade das executadas por Portos de Galicia dadas as condicións propias do porto e as distintas figuras de protección ambiental vixentes na contorna na que se actúa ou a que pode existir algún tipo de afectación”.

Así, o ámbito de actuación está afectado pola catalogación ZEPA (Zona de Especial Protección para as Aves), e incluído polo tanto dentro da Rede Natura, “o que obriga a tramitar de xeito especialmente minucioso a tramitación ambiental da obra ademais de aplicar medidas especialmente garantistas na súa execución”, sinalan.

De feito, a execución dos traballos pode realizarse unicamente en campañas temporais concretas do ano, chamadas “ventás autorizadas”, nas que os estudos conclúen que a afectación aos valores ambientais a protexer na contorna resulta asumible ambientalmente.

Eses periodos temporais son autorizados a Portos de Galicia dende o Goberno central, a través da Dirección General de Biodiversidad e a Dirección General de la Costa y el Mar.

Polo que respecta ás obras en concreto, consisten na dragaxe duns 43.400 metros cúbicos de rocha para deixar a dársena á cota -5 e a zona próxima ao peirao da lonxa a -3. Para realizar esta dragaxe foi preciso ademais desmontar o pantalán e a pasarela de acceso ao mesmo.

CORRENTES. O vindeiro 6 de setembro, na Comisión 8ª do Parlamento de Galicia, debaterase unha proposición non de lei presentada tamén polo BNG, que demanda “solucións” aos problemas derivados das correntes no porto de Laxe, como a acumulación de area na propia dársena, así como no paseo marítimo.

Os nacionalistas din que o problema deriva da ampliación do dique “como así recoñecera Portos de Galicia nun informe remitido á Fiscalía de Medio Ambiente a instancias dunha denuncia presentada polo BNG de Laxe”, afirma o concelleiro local, Xosé Manuel Pose. Sinala ademais que, segundo unha resposta do Goberno central no Congreso, o ente portuario “xa conta co permiso do Estado” para retirar a area acumulada e as dunas da parte baixa do paseo marítimo da vila laxense.

O protagonista
“Falta retirar a area do paseo marítimo”
Xosé Manuel Pose
Concelleiro do BNG de Laxe

O concelleiro do BNG de Laxe, Xosé Manuel Pose, considera que a resposta da Consellería do Mar “resulta insuficiente” porque “non contesta ao resto de preguntas da iniciativa, sobre todo no que respecta á retirada de area e as dunas da parte baixa do paseo marítimo”.

Espera, non obstante, que noutro debate que terá lugar o vindeiro martes, día 6, no Parlamento, “a Xunta de Galicia lle dea por fin unha alegría á veciñanza de Laxe anunciando que, de xeito urxente, retirará a inxente cantidade de area acumulada, provocada pola obra de ampliación do dique”.

{ Pasaba por aquí }
O final dun comezo
Manuel Lavandeira

A obra de dragaxe do porto de Laxe, que camiña cara a súa fin, é só o comezo dun proxecto de maior calado que tería como finalidade rematar cos problemas de inseguridade rexistrados no interior da dársena e coa acumulación de area no paseo marítimo debido, segundo os estudos realizados, ao cambio das correntes mariñas a raíz da ampliación do dique. Non obstante, os técnicos xa apuntaron no seu día que a solución definitiva non é doada e, sobre todo, resultaría moi custosa. Por iso, hai que ver se o remate da dragaxe, importante e necesaria, é un punto e seguido, ou un final anticipado. Mentres, en Laxe seguen a demandar, alomenos, solucións temporais que permitan retirar a area periodicamente e evitar maiores acumulacións.

03 sep 2022 / 01:00
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
TEMAS
Tema marcado como favorito
Selecciona los que más te interesen y verás todas las noticias relacionadas con ellos en Mi Correo Gallego.