Santiago
+15° C
Actualizado
martes, 07 febrero 2023
23:27
h
Conta cunha nova Oficina de Turismo que será xestionada polo Concello // Está vinculada á nave de redeiras e vai permitir coñecer de preto o seu oficio

Portosín pon en valor a cultura mariñeira local

O Concello de Porto do Son porá proximamente en marcha un novo punto de información turístico, neste caso vinculado á actividade pesqueira. Atópase na parroquia de Portosín e moi pronto abrirá as súas portas. Este proxecto foi posible grazas á unión da confraría de San Andrés, da Asociación de Redeiras do Cerco de Portosín e da administración municipal, que presentaron unha candidatura conxunta á liña de axudas ao abeiro das estratexias de desenvolvemento local participativo da Consellería do Mar.

Grazas a este proxecto, nos últimos meses a nave de redeiras de Portosín someteuse a un importante lavado de cara, pois o obxectivo principal que se perseguía con este plan era mellorar as condicións de traballo das profesionais. Pero a intervención tamén tivo un carácter turístico, xa que esta nave agora está vinculada a unha oficina de información turística para que os visitantes que se acheguen á vila poidan observar de preto o seu labor.

Así, ademais de visibilizar o traballo das mesmas con esta intervención, púxose en valor o sector pesqueiro do porto de Portosín “a través do incremento da promoción e dinamización da actividade portuaria, ao converter esta infraestrutura nunha nave visitable cun punto de información ao visitante que transmita esta identidade mariñeira”, indicaron ao respecto fontes municipais. Será xestionada directamente polo Concello de Porto do Son.

Cómpre lembrar que o importe total das actuacións levadas a cabo no recinto ascendeu a 270.677 euros e, segundo sinalaron as mesmas fontes, un 93 % foi subvencionado a través do GALP Costa Sostible.

23 ene 2023 / 01:00
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
TEMAS
Tema marcado como favorito
Mar
Selecciona los que más te interesen y verás todas las noticias relacionadas con ellos en Mi Correo Gallego.