Santiago
+15° C
Actualizado
martes, 23 abril 2024
16:11
h
VIXILANCIA. Cos 296.000 euros que reciben, vinte e tres concellos poden insertar a persoas desempregadas e facilitarlles experiencia e práctica profesional // Gonzalo Trenor presentou o plan autonómico no areal de San Francisco de Muros TEXTO S. S.

Praias e piscinas seguras en Área: axudas para ‘fichar’ 91 socorristas

A Xunta de Galicia vén de resolver a convocatoria de axudas destinadas aos concellos galegos para apoiar a contratación de servizos de interese xeral, que sexan competencia municipal. No caso da Área de Compostela, a Consellería de Emprego e Igualdade financiará a contratación de 91 socorristas en 23 concellos cun investimento total de 295.290 euros.

O delegado territorial da Xunta na Coruña, Gonzalo Trenor, presentou os detalles destes apoios nunha visita á praia muradana de San Francisco, onde estivo acompañado pola alcaldesa, Inés Monteagudo; a xefa territorial de Emprego e Igualdade, Judit Fontela; o xefe local dos GES, Ramón Lago; e o concelleiro de Deportes, Juan Martínez.

O representante autonómico destacou que “estes programas teñen como obxectivo dar cobertura aos concellos para que poidan prestar servizos de forma máis eficaz e ao mesmo tempo apostan por un sistema de colaboración coas entidades locais encargadas da selección deste persoal”. En global, en toda Galicia, a Xunta inviste este ano 1,5 millóns de euros para axudar a 163 concellos e unha mancomunidade a sufragar os costes da contratación dun total de 464 socorristas en praias, piscinas e espazos fluviais.

Un dos requisitos principais desta iniciativa é que as persoas que se contraten sexan desempregadas, cos obxectivos de seguir impulsando o emprego local na comunidade galega e de proporcionarlles experiencia e práctica profesional que permitan a súa inserción laboral.

Esta medida pretende tamén mellorar a empregabilidade das persoas participantes para dinamizar o mercado laboral galego. Enmárcase na prioridade da Xunta de crear máis e mellor emprego de calidade na comunidade e completa outras iniciativas que xa se activaron e que favorecen a contratación. É o caso dos obradoiros de emprego, nos que se invisten 30,2 millóns de euros para permitir a formación e o acceso ao emprego de 1.500 persoas; as axudas para a contratación de orientadores laborais, ás que se destinan 6,8 millóns de euros para a contratación de 280 persoas; ou os Programas Integrados de Emprego, cun orzamento de 8,4 millóns de euros para apoiar a contratación de 3.300 persoas en municipios e entidades sen ánimo de lucro.

Na comarca do Barbanza concedéronse 178.866 euros en axudas para contratar 55 socorristas: 8 en Boiro (30.337 €); 6 en Carnota (22.000 €); 1 en Lousame (2.999 €); 6 en Muros (20.400 €); 6 en Outes (18.000 €); 6 na Pobra (19.200 €); 8 en Porto do Son (24.000 €); 6 en Rianxo (17.929 €); e 8 en Ribeira (24.000 €).

Bergantiños e Costa da Morte repártense 92.282 € para contratar 29 socorristas: 4 en Camariñas (12.000 €); 1 en Cee (3.000 €); 3 en Dumbría (10.682 €); 4 en Fisterra (12.000 €); 2 na Laracha (7.200 €); 7 en Laxe (21.000 €); 2 en Muxía (6.000 €) e 6 en Ponteceso (20.399 €).

E na comarca de Santiago de Compostela distribúense 24.142 € para contrara a outros sete: 1 na Baña (3.600 €); 1 en Melide (3.600 €); 1 en Negreira (3.800 €); 1 no Pino (3.000 €); 1 en Santa Comba (2.942 €); e 2 en Val do Dubra (7.200 €).

Tamén reciben subvención Santiago (6.400 € para dispoñer de 2 profesionais); Santiso (7.600 € para outros 2); e Boimorto (3.000 para 1).

Así mesmo, durante a súa visita á localidade de Muros, Trenor destacou as axudas destinadas á contratación de 700 persoas perceptoras da Risga, que contan cun orzamento de 7,7 millóns de euros en toda Galicia para dar apoio a 165 concellos ou agrupacións de municipios.

o protagonista
“É un impulso ó emprego no eido local”
Gonzalo Trenor
Delegado territorial da Xunta na provincia da Coruña

O delegado territorial da Xunta na Coruña, Gonzalo Trenor, recalcou que “estes programas son unha mostra máis de que a Administración autonómica está a facer un importante esforzo para crear emprego na provincia e, neste caso, faino a través dun traballo conxunto cos concellos, o que implica un triplo beneficio: o aforro para as facendas locais; a garantía de que as ocupacións solicitadas responden ás necesidades reais dos municipios que, como administracións máis próximas, coñecen as necesidades máis urxentes; e o impulso á creación de emprego no eido local”.

{ a letra pequena }
Investimento en seguridade
Suso Souto

CANDO DE ADMINISTRACIÓNS públicas se trata, hai investimentos que non se deben considerar como gastos, senón como investimentos. Son os relacionados coas tres columnas que sosteñen o denominado estado do benestar: a saúde, a educación e a cultura. Pode que sempre nos parezan poucos os cartos destinados a tales fins, pero sempre será necesario reforzalas con máis medios materiaias e humanos. Lamentablemente, cada verán prodúcese nas nosas praias ou piscinas algún accidente de maior ou menor gravidade. Facer que eses entornos sexan seguros é unha obriga. E facelo promovendo ademais a contratación de persoas desempregadas dándolles a oportunidade de acadar experiencia e práctica profesional, tamén o é.

26 jun 2021 / 01:00
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
Selecciona los que más te interesen y verás todas las noticias relacionadas con ellos en Mi Correo Gallego.