Santiago
+15° C
Actualizado
sábado, 10 febrero 2024
18:07
h
Acadan o selo os roteiros litorais de Camariñas, Saldoiro, Razo-Baldaio e Coroso-Río Azor // O centro de visitantes do faro de Cabo Vilán, o Museo Man e o centro de interpretación dos Muíños de Auga larachés terán un distintivo similar TEXTO S. S.

Premian como sendeiros azuis catro rutas comarcais ao longo de 41 km

A Asociación de Educación Ambiental e do Consumidor (Adeac) entregou este xoves en Madrid os prezados distintivos Sendeiro Azul, cos que se recoñece o papel das sendas e camiños como un recurso valioso para gozar da natureza, realizar actividades deportivas e de ocio ao aire libre e interpretar ambientalmente a contorna. E, dos 86 roteiros galardoados en España, 29 rutas pertencentes a 19 municipios e cunha extensión total de máis de 220 quilómetros están en Galicia, que volve ser a Comunidade española con máis sendeiros azuis.

Este ano, Adeac convocou estes últimos distintivos como un programa independente (é a primeira vez que se convoca unha cerimonia propia e separada para anuncialos). Ao evento acudiu en representación da Xunta a directora xeral de Patrimonio Natural, Belén do Campo.

Entre as principais novidades das rutas distinguidas este ano en Galicia cómpre subliñar que os concellos de Ribeira e Poio entran por primeira vez na listaxe.

No caso ribeirense trátase do sendeiro litoral de Coroso-Río Azor, de 3,7 quilómetros de lonxitude. Xunto a el recibiron o mesmo distintivo o sendeiro de Saldoiro (A Laracha), de 1,5 quilómetros; a ruta litoral de Camariñas, de 26 km; e a Senda do Mar Razo-Baldaio, de 10 km.

Deste xeito, o ámbito territorial de Área de Santiago conta este ano con catro sendeiros azuis que suman un total de 41,2 quilómetros.

En canto ao reparto por provincias, Pontevedra, con 19 itinerarios localizados nun total de 9 municipios, que suman case 137 km, lidera o ranquin provincial a nivel autonómico e tamén nacional, seguida da Coruña, con 6 sendeiros noutros tantos concellos (máis de 55 km) e de Lugo, que suma 4 no mesmo número de municipios, cun total de 25,8 km ao longo da Mariña.

Por outra banda, a Adeac concedeu tamén este ano a Bandeira Azul a once portos deportivos galegos, e a 14 instalacións dedicadas á educación ambiental e á atención aos visitantes, que terán este verán a consideración de centros azuis.

No ámbito litoral de Área de Santiago renovaron a prezada Bandeira Azul once praias da comarca, así como o Club Náutico Boiro-Marina Cabo de Cruz (Boiro) e o Real Club Náutico de Portosín (Porto do Son).

Asimesmo, a Comunidade galega suma un novo Centro Azul, ao incorporarse por primeira vez a esta prestixiosa lista o centro de visitantes do faro de Cabo Vilán, en Camariñas, e engade nove sendeiros azuis á vintena cos que xa contaba o pasado ano, entre os que se volven atopar o Centro de Interpretación dos Muíños de Auga da Costa da Morte Golmar (A Laracha) e o Museo Man de Camelle (Camariñas).

Os criterios esixidos para a obtención de bandeiras azuis en praias e portos deportivos están relacionados coa calidade das augas (que ten que ser excelente), a seguridade e a accesibilidade, a dotación de servizos, a xestión ambiental e a sustentabilidade destes espazos.

Pola súa parte, os centros azuis deben fomentar a educación ambiental no litoral, o coñecemento da contorna e as alternativas de ocio.

Galicia recibiu este ano 166 galardóns entre areais, instalacións portuarias, centros e sendeiros, o que supón 11 máis que o ano pasado.

a protagonista
“A metade dos quilómetros premiados en toda España”
Belén do Campo
Directora xeral de Patrimonio Natural

A directora xeral de Patrimonio Natural, Belén do Campo, subliñou que “case a metade dos 474 quilómetros que ocupan os novos itinerarios azuis declarados no conxunto do país están en Galicia”. “Este novo recoñecemento, sumado ás 112 bandeiras outorgadas ás nosas praias, ás 11 que recibiron outros tantos portos deportivos e ós 14 centros azuis consolidan a Galicia entre as comunidades do mundo que cada ano acadan máis distintivos azuis”, engadiu.

{ a letra pequena }
Un símbolo de excelencia
Suso Souto

DETRÁS DUN RECOÑECEMENTO hai sempre traballo e ilusión. E por iso, cómpre felicitar hoxe a todos os municipios galardoados cos distintivos Bandeira Azul, Sendeiro Azul e Centro Azul polo esforzo realizado para presentar as mellores e máis completas candidaturas e por lograr un recoñecemento consolidado xa a nivel internacional como símbolo da calidade das praias, portos, sendeiros e centros da natureza. Os distintivos azuis que este verán ondearán en once praias, dous portos deportivos, un centro de visitantes e outro de interpretación, un museo e catro sendeiros da comarca son símbolos de excelencia nos eidos da educación ambiental, a atención ó público, o coidado do medio ambiente ou a sustentabilidade.

26 may 2022 / 16:17
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
Selecciona los que más te interesen y verás todas las noticias relacionadas con ellos en Mi Correo Gallego.