Santiago
+15° C
Actualizado
martes, 23 abril 2024
16:11
h

Premio aos xalleiros que mellor ‘retrataron’ a Pepe de Xan Baña

Javier Muñiz, Sharay Ferreiro, Pedro Negreira e Sara Pensado foron os gañadores // Valentín García respaldou este certame

    Cargando reproductor ...

Valentín García, secretario xeral de Política Lingüística, acudiu convidado ao colexios Barrié de la Maza e Pepe de Xan Baña en Santa Comba para facer entrega dos premios do Concurso de Debuxo Pepe de Xan Baña nun acto en homenaxe ao escritor galego José Baña Pose, máis coñecido polo seu alcume.

O representante da Consellería de Cultura, Educación, FP e Universidades afondou na “destacada figura do escritor do Xallas que desde a distancia da emigración axudou a impulsar a cultura galega coa súa escrita, converténdose así nunha figura tan polifacética como referente”. No encontro, no que tamén participaron os representantes municipais, fíxoselle entrega dos premios aos gañadores do concurso de debuxo de Infantil e Primaria no que participaron ata case 300 escolares dos centros educativos do municipio. As láminas nas que realizaron cadansúa obra levaron impresa unha pequena biografía de Pepe de Xan Baña máis un dos seus versos e unha ilustración coa súa figura. Nela plasmaron a súa idea sobre o xalleiro que exerceu, entre outras profesións, como poeta, xornalista, comerciante e mestre.

Este concurso, con catro categorías, contou con dous premios en cada unha delas. En Categoría Infantil, o mellor debuxo foi de Javier Muñiz Santamaría, do colexio Nuestra Señora de la Inmaculada, seguido de Lois Muíño Mariño, do Colexio Rural Agrupado A Tarandeira. No apartado dedicado a alumnos de 1º e 2º de Primaria, gañou Sharay Ferreiro Vila, do colexio Pepe de Xan Baña, sendo o segundo premio para Avril Ramos Antelo, do colexio Nuestra Señora de la Inmaculada. Entre os rapaces de 3º e 4º de Primaria, o vencedor foi Pedro Negreira Martínez, do colexio Barrié de la Maza, seguido por Xiana Rodríguez Pazos, do mesmo centro educativo. E Sara Pensado Blanco, do colexio Pepe de Xan Baña recolleu o primeiro premio para alumnos de 4º e 5º de Primaria, mentres que Luis Blanco Agulleiro, do colexio Barrié de la Maza, recibiu o segundo.

Os primeiros clasificados levaron un lote de libros e un bono por valor de 50€ para realizar compras de material escolar nalgunha das librarías do municipio e, os segundos clasificados, un lote de libros desde a Xunta de Galicia. Seguidamente, Valentín García trasladouse ao colexio Pepe de Xan Baña, onde descubriron unha placa conmemorativa en honor ao autor de Varilongo e o grupo musical galego Pakolas actuou para todos os presentes.

Esta actividade pecha os actos de homenaxe que o Concello xalleiro levou a cabo durante o pasado mes de maio en torno ao 150 aniversario do nacemento de Pepe de Xan Baña, cun roteiro no que reflexionar sobre a emigración e visitas teatralizadas.

03 jun 2022 / 01:00
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
TEMAS
Tema marcado como favorito
Selecciona los que más te interesen y verás todas las noticias relacionadas con ellos en Mi Correo Gallego.