Santiago
+15° C
Actualizado
martes, 06 diciembre 2022
12:34
h

Premio para Carballo, o segundo concello máis sostible de España

Mobilidade, participación cidadá, xestión de residuos e integración das persoas con diversidade centran o seu proxecto // No 2030 pretende ser autosuficiente

O concelleiro Luis Lamas recolleu en Madrid o distintivo outorgado ao Concello de Carballo, que o distingue como o segundo máis sostible de España, entre preto de 500 aspirantes. O municipio carballés foi finalista do prestixioso Premio Ciudad Sostenible, que organiza dende hai 18 anos a Fundación Fórum Ambiental, co apoio do Ministerio para a Transición Ecolóxica e o Reto Demográfico e a colaboración de Ecoembes, como recoñecemento aos concellos de todo o Estado que apostan por proxectos e actuacións dirixidas a fomentar a sustentabilidade.

Os premios corresponden á convocatoria do ano 2019, pero o acto non puido celebrarse antes por mor da Covid. No evento, celebrado na sede do ministerio, participaron Hugo Morán, secretario de Estado de Medio Ambiente; Ramón Roca, presidente da Fundación Fórum Ambiental, e Begoña de Beita, directora de Relacións Externas de Ecoembes, xunto con representantes dos concellos distinguidos. O premio á cidade máis sostible correspondeu a Málaga polo proxecto Málaga ciudad sostenible, que inclúe máis de 70 accións para posicionar ao municipio andaluz como un referente en sustentabilidade.

Carballo, como finalista, convértese no segundo concello máis sostible do Estado. O xurado valorou moi positivamente o proxecto De Carballo limpo a Carballo sostible, un plan de acción de mellora sostible con obxectivos como a mellora da mobilidade, a participación cidadá, a limpeza e a xestión de residuos mediante un sistema de integración laboral de persoas con discapacidade intelectual e cunha folla de ruta que permita no ano 2030 conseguir que Carballo sexa un concello autosuficiente e consecuente coa economía circular.

Os demais municipios premiados foron: Ourense, na categoría de auga; Ibi e Parla, na de educación ambiental; Viladecans, na de enerxía; Córdoba e Deltebre, na de residuos, e o Consell Comarcal del Vallés Occidental, na de adaptación ao cambio climático. Ademais, houbo recoñecementos expresos para proxectos de colaboración público-privada.

O xurado estivo integrado por representantes do Ministerio de Transición Ecolóxica, Junta de Andalucía, Generalitat Valenciana, Junta de Castilla y León, Gobierno de Canarias e Xunta de Galicia.

Á chegada de Luis Lamas da capital de España, o goberno municipal quixo agradecer a concesión do galardón nun acto no que participaron, ademais do propio concelleiro de Obras e Servizos, a concelleira de Planificación e Contratación, Milagros Lantes, e o alcalde, Evencio Ferrero. Lamas regresou moi satisfeito da acollida que tivo por parte do xurado a política medioambiental do Concello de Carballo e dun premio que non se refire a un aspecto concreto senón á globalidade do traballo que se está a desenvolver dende o ano 2003. Tanto é así que mesmo o secretario de estado animou ao Concello a volver a presentarse para optar ao primeiro posto. “Non somos tan ambiciosos, pero si é moi interesante que haxa un recoñecemento de ámbito estatal no que se valora o noso proxecto na súa totalidade”, manifestou. O alcalde, pola súa banda, destacou que un aspecto que fala da importancia do premio é a composición do xurado. “Debemos amosar o noso orgullo, e a satisfacción de ver recoñecido o importante esforzo que se está a realizar. O noso agradecemento á cidadanía de Carballo, que o fai posible”, manifestou Evencio Ferrero.

O rexedor lembrou que o concello vén recibido nos últimos anos numerosos recoñecementos, dende o Premio á Integración Laboral que outorgou a ONCE no ano 2008, ou o que concedeu Cegasal o ano pasado, ámbolos dous pola inserción laboral de persoas con discapacidade; o Premio Cidades que Camiñan ou a candidatura á Folla Verde Europea. “Este novo galardón vén referendar o traballo que se está a facer”, afirmou.

Tamén comentou que a Fundación Conama, que organiza o Congreso Nacional do Medio Ambiente, que é o principal encontro ambiental do Estado, vén de facer públicos os resultados dunha enquisa realizada a nivel estatal para coñecer a opinión dos técnicos municipais en materia de recollida e tratamento de residuos, recompilar experiencias, valoración e necesidades e identificar as dificultades para a implantación das medidas necesarias para acadar os obxectivos fixados na lei de residuos. Nesa enquisa participaron 376 técnicos de áreas de residuos de concellos, deputacións, delegacións provinciais, mancomunidades e da FEMP de todo o Estado, “e entre os concellos citados expresamente figura o de Carballo pola xestión de residuos”, indicou.

29 ene 2022 / 01:00
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
TEMAS
Tema marcado como favorito
Selecciona los que más te interesen y verás todas las noticias relacionadas con ellos en Mi Correo Gallego.