Santiago
+15° C
Actualizado
sábado, 10 febrero 2024
18:07
h

Premio Spain Skills de cociña para a moza carballesa Emi Piedra

A subdelegada do Goberno na Coruña, María Rivas, recibiu á carballesa Emi Piedra, unha moza de vinte e un anos que vén de gañar na categoría de cociña das Spain Skills 2022, polo que forma parte da selección española para as Euro Skills e as World Skills, a nivel internacional.

Rivas definiu a Emi Piedra como “o mellor exemplo da excelencia da Formación Profesional e vangarda da gastronomía coruñesa vinculada ao sector do mar”.

A competición na que obtivo a referida distinción esixía a preparación, cociñado, realización e aderezo de pratos de cociña internacional: aperitivos, pratos fríos e quentes e sobremesas. Tamén implicaba ter coñecementos no ámbito da nutrición e en medidas relacionadas coa saúde e a hixiene, como elementos fundamentais nesta especialidade.

María Rivas agarda que Emi Piedra teña éxito a nivel internacional. A moza realiza un curso de especialización en panadería e bolería artesanais no CIFP Paseo das Pontes da Coruña tras rematar os ciclos medio e superior de Formación Profesional, o que compatibiliza co traballo nun restaurante da cidade e a competición de alto nivel.

Foi premiada polo seu bo labor tanto na preparación de pratos como na documentación técnica dos mesmos, nos que recoñece que está moi cómoda co pescado. De feito, na competición tivo a boa noticia de que un dos traballos estivo baseado na xarda.

O recoñecemento de Emi súmase aos éxitos obtidos nas últimas semanas polo estudante ceense Mateo Pérez Soto, do IES Agra de Raíces, quen se proclamou bicampión galego nas Olimpíadas de Física e Química. Unhas distincións que lle garanten tamén a participación directa nas fases nacionais das dúas disciplinas, que terán lugar os días 29 de abril (Física) e 8 de maio (Química).

Mateo Pérez xa obtivera en 2020 o Premio Extraordinario da ESO e participou no Congreso Internacional Leer. Iberoamérica lee 2020 como representante dos Clubs de Lectura Galegos.

INVESTIMENTOS. Dende o Goberno central aseguran que no último ano investíronse 98,2 millóns de euros na Formación Profesional en Galicia, dos cales 21,1 millóns de euros destináronse para o impulso do Plan de Modernización da FP.

No ámbito da Formación Profesional para o Emprego, Galicia recibiu 12 millóns dirixidos ás persoas desempregadas; 9,1 millóns dirixidos ás persoas ocupadas; 48,9 millóns en oportunidades a través dos programas públicos de emprego e formación; e 4,4 millóns para a cualificación e recualificación da poboación activa nos ámbitos de actuación de despoboamento, coidado de persoas e sectores estratéxicos.

Ademais, 1,5 millóns de euros foron distribuídos para desenvolver distintos programas de cooperación territorial en materia de Formación Profesional. De forma adicional, distribuíronse 1,2 millóns de euros para a creación de 630 novas prazas de Formación Profesional.

05 abr 2022 / 01:00
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
TEMAS
Tema marcado como favorito
Selecciona los que más te interesen y verás todas las noticias relacionadas con ellos en Mi Correo Gallego.