Santiago
+15° C
Actualizado
sábado, 10 febrero 2024
18:07
h

Prevención de lesións medulares nas aulas da Costa da Morte con Íntegro

A asociación retomou a campaña de sensibilización no colexio Cabo da Area de Laxe // Achegou ao alumnado experiencias reais e claves para evitar accidentes

Neste mes de marzo, a campaña de prevención da lesión medular que promove cada ano a Asociación Íntegro volveu ás aulas coa celebración dunha xornada de sensibilización no CPI Plurilingüe Cabo da Area de Laxe, na que participaron 29 alumnos de 3º e 4º da ESO.

A actividade, incluída na programación conmemorativa do trinta aniversario da entidade, xirou arredor das causas e consecuencias dos accidentes medulares para concienciar aos máis novos sobre a importancia de evitar situacións de risco en estradas, praias e piscinas, como principais focos de sinistralidade entre a mocidade.

A sesión informativa contou coa participación do presidente de Íntegro Adolfo López Baña, encargado de explicar ao alumnado os motivos que se agochan tras os accidentes medulares, e José Manuel, un voluntario do programa, que expuxo o seu caso e deixou impresionado tanto ao alumnado como ao profesorado co seu exemplo de forza, coraxe e superación.

A xornada completouse coa proxección do vídeo A ti tamén che pode pasar. Ao remate, celebrouse un breve coloquio que os alumnos e alumnas aproveitaron para despexar dúbidas e coñecer o día a día dunha persoa con lesión medular.

Nesta ocasión, debido á situación actual derivada da Covid, non se realizaron as habituais sesións prácticas, que, dende Íntegro, agardan poder retomar en breve.

Desde a asociación agradecen “a implicación e colaboración da comunidade educativa na difusión desta campaña co dobre obxectivo de crear conciencia entre os máis novos e apostar por unha educación en valores, máis responsable e inclusiva”.

Os centros educativos que estean interesados en adherirse a esta campaña ou a calquera dos programas de sensibilización postos en marcha pola entidade, non teñen máis que poñerse en contacto co centro de recursos que Íntegro ten en Nantón (Cabana de Bergantiños) a través do enderezo electrónico formacion@integro.es ou tamén chamando ós teléfonos 981 734 985 e 650 961 649.

A Asociación Íntegro leva 30 anos camiñando cara a inclusión das persoas con diversidade funcional da Costa da Morte e no mes de xuño celebrará o acto central do seu trinta aniversario, e en xullo promoverá a Romaría da Inclusión aberta á veciñanza.

06 mar 2022 / 01:00
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
TEMAS
Tema marcado como favorito
Selecciona los que más te interesen y verás todas las noticias relacionadas con ellos en Mi Correo Gallego.