Santiago
+15° C
Actualizado
sábado, 10 febrero 2024
18:07
h
As obras unificarán o tratamento das augas das dúas parroquias grandes da vila // Triplicarase a capacidade da planta actual e dará servizo a 3.000 habitantes equivalentes en 2042 // A EDAR será moderna e eficiente TEXTO Claudina Estévez

Primavera de 2022: Sergude terá lista a nova depuradora

Avanzan as obras da nova depuradora de Sergude, en Boqueixón, a un ritmo que permitirá que a parroquia conte cun saneamento totalmente renovado a finais da primavera de 2022. Así o vén de anunciar a conselleira de Infraestruturas e Mobilidade, Ethel Vázquez, durante a visita que fixo onte ao lugar dos traballos. Uns labores nos que a Xunta de Galicia inviste máis de 1,8 millóns de euros e o Concello achega 360.000, a parte de suministrar os terreos necesarios e asumir o mantemento das instalacións.

Os labores de construción da nova depuradora arrancaron o pasado mes de maio e actualmente estase a avanzar nas tarefas de escavación e no movemento de terras. A actual depuradora é un reactor secuencial que realiza no mesmo tanque a decantación e o tratamento biolóxico, polo que a súa capacidade está condicionada polo tempo que se precisa para realizar cada un dos procesos. A conselleira explicou que a capacidade coa que foi deseñada a planta, 1.000 habitantes equivalentes, é insuficiente, polo que só permitiría tratar o 65 % das augas residuais procedentes dos núcleos da parroquia de Lestedo.

Subliñou que as obras en execución permitirán unificar o tratamento das augas tanto de Sergude como de Lestedo e triplicar a capacidade da depuradora actual, dando servizo a unha poboación de 3.000 habitantes equivalentes no ano horizonte de 2042. A nova EDAR inclúe liña de auga e liña de lodos, con pretratamento e tratamento biolóxico, cunha capacidade media de 44 metros cúbicos de auga á hora. En caso de choivas intensas que superen o caudal punta, o exceso de augas enviarase a un tanque de tormentas.

Ethel Vázquez destacou que se trata dunhas instalacións modernas e eficientes, “deseñadas co obxectivo de acadar mínimo vertido e con tratamento secundario para a eliminación do nitróxeno”. Dende o goberno local aclararon a este xornal que a depuradora actual deixará de estar operativa “pero manterase en boas condicións, pois a idea é que poida estar dispoñible en casos de, por exemplo, traballos de mantemento na nova”. Esta actuación, cofinanciada con fondos europeos FEDER Galicia 2014-2020, enmárcase no traballo do Goberno galego para apoiar aos Concellos nas súas competencias municipais de saneamento e depuración, “conscientes da importancia que isto ten para a calidade das augas e tamén para a calidade de vida dos veciños”, engaden dende a Xunta. Vázquez lembrou que esta non é a única actuación da Consellería de Infraestruturas e Mobilidade neste municipio, “pois hai uns anos púxose á disposición dos veciños a senda que conecta A Susana co polígono industrial e A Eirexe, na estrada AC-960; e tamén outro itinerario peonil nesa mesma estrada, en Ponte Ledesma, cos que se facilita unha mobilidade máis cómoda, segura e sustentable”.

Tamén avanzou a intervención de mellora do firme que se vai levar a cabo na AC-960, que conecta A Susana con Vila de Cruces, no marco dun contrato maior que inclúe outras vías da contorna e cuxos traballos comezarán en breve. Ademais puxo en valor a aposta do Executivo autonómico polo transporte público. Benefícianse da tarxeta Xente Nova 200 mozos de Boqueixón.

O PROTAGONISTA
“Saneamento para Sergude
e Lestedo”
Manuel Fernández Munín
Alcalde de Boqueixón

“Esta nova depuradora é unha actuación moi importante porque nos vai permitir garantir o saneamento actual e dos próximos anos das dúas parroquias máis grandes e que maior crecemento de poboación rexistran nestes momentos: Lestedo e Sergude”, explica o rexedor boqueixanés. Con esta actuación “temos cuberto o saneamento de ambas parroquias e para moito tempo, polo que poderemos centrar os nosos esforzos en mellorar e ampliar este servizo no resto do municipio. Estamos falando dunha inversión moi importante da Xunta de Galicia de 1, 8 millóns de euros, dos que o Concello de Boqueixón achega 360.000 euros”, aclara.

O rexedor aproveitou para agradecerlle á conselleira de Infraestruturas e Mobilidade, Ethel Vázquez, o apoio da Xunta de Galicia para desenvolver este proxecto.

{ A OLLADA}
Calidade
de vida
Claudina Estévez

o saneamento é un servizo básico do que non debería carecer ningún municipio. É por iso que sempre é de agradecer que se preste atención ao rural e se poñan en marcha proxectos que melloren a calidade de vida veciñal. A actual depuradora da parroquia de Sergude foi deseñada para dar servizo a mil habitantes equivalentes, algo que resulta insuficiente. A nova EDAR, que previsiblemente estará lista para finais da primavera do vindeiro ano; triplica a capacidade da existente e permite así chegar a unha poboación de 3.000 habitantes no ano horizonte de 2042. A parte da capacidade, non hai que esquecer que se trata dunhas instalacións modernas e eficientes creadas para evitar vertidos e para eliminar o nitróxeno.

06 jul 2021 / 01:00
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
TEMAS
Tema marcado como favorito
Selecciona los que más te interesen y verás todas las noticias relacionadas con ellos en Mi Correo Gallego.