Santiago
+15° C
Actualizado
sábado, 10 febrero 2024
18:07
h
Mar. A Deputación da Coruña convocou axudas por valor de novecentos mil euros para axudar ós concellos costeiros // Van destinadas á contratación de operarios e a compra de materiais // Contribúen tamén a xerar emprego TEXTO Manuel Lavandeira

Primeiros pasos para a posta a punto de trescentas praias

A Deputación da Coruña publicou a pasada semana, a través do Boletín Oficial da Provincia, as bases da nova convocatoria do programa de limpeza de praias 2022, a través do cal o organismo provincial repartirá un total de 900.000 euros entre os municipios costeiros.

A finalidade do programa é apoiar aos concellos coruñeses no sostemento dos gastos de contratación do persoal das brigadas que se encargarán da limpeza dos areais da provincia, así como da adquisición do material necesario, coma o vestiario ou o combustible.

A subvención para a creación destas brigadas de limpeza ten unha duración máxima de tres meses, que deberán estar comprendidos entre o 1 de abril e o 31 de outubro de 2021. O importe máximo que poderá recibir cada concello solicitante a través deste programa ascende a 33.840 euros e o importe mínimo é de 6.768 euros.

A Deputación aplicará criterios obxectivos para a baremación das solicitudes, en función da superficie total das praias existentes en cada termo municipal, segundo os datos facilitados polo Ministerio para a Transición Ecolóxica e o Reto Demográfico, e a poboación oficial do concello, segundo os datos do Instituto Nacional de Estatística.

A contía destinada a esta liña de axudas é igual á do ano pasado, coa cal o organismo provincial contribuíu a mellorar a imaxe de máis de trescentas sesenta praias de cara a tempada estival.

En 2021 foron corenta e un os municipios que se beneficiaron deste respaldo da Deputación, dos cales 21 forman parte do litoral enmarcado na Área de Compostela, os cales recibiron axudas por valor de 472.493 euros para manter en bo estado casi douscentos areais.

Os concellos do litoral de Bergantiños (A Laracha, Cabana de Bergantiños, Carballo, Laxe, Malpica e Ponteceso) recibiron máis de 142.000 euros, que empregaron na contratación de persoal de limpeza e a compra de material, vestiario e combustible. En total foron contratadas trinta e nove persoas.

Pola súa banda, na Costa da Morte (Camariñas, Cee, Corcubión, Dumbría, Fisterra e Muxía) as axudas ascenderon a 120.000 €, cos que os referidos municipios contrataron cincuenta traballadores. No litoral de Noia-Muros recibiron axudas por valor de 110.000 euros para actuar nas praias de Carnota, Muros, Noia, Outes e Porto do Son. Neste caso contrataron 43 persoas.

A comarca de Barbanza recibiu axudas por valor de 98.741 euros, que se repartiron os concellos de Boiro, Ribeira, Rianxo e A Pobra do Caramiñal, nos que foron contratados un total de 34 operarios.

A Coruña é, segundo José Ramón Riboo, presidente da Comisión de Transisición Ecolóxica, Emprego e Territorio Sostible, a provincia española con más quilómetros de costas “e as praias dos concellos costeiros son un dos principais atractivos turísticos”. Por iso, dende a Deputación provincial apostan por cooperar cos municipios do litoral para que poidan garantir a veciños e visitantes unha óptima conservación ambiental e tamén mellorar a imaxe dos seus areais. Ao mesmo, tempo este obxectivo está a contribuir á xeración de centos de postos de traballo nos meses de verán.

O turismo é un dos piares de boa parte da provincia da Coruña e, aínda que este non é un destino de sol como o Mediterráneo, as praias desta franxa atlántica nada teñen que envexar aos areais doutros puntos da xeografía galega e española.

Tanto veciños como vivistantes aprezan moito a calidade das súas augas, as súa brancas e finas areas e, como non, os incomparables marcos naturais nos que se atopan. Dispor destes valores naturais é un privilexio que tan só se debe acompañar duns servizos de calidade, tanto en materia de limpeza como de equipamentos e medios de seguridade. Esto require investimentos e para iso é imprescindible a colaboración das distintas administracións. Un esforzo que será bo para todos.

O protagonista
“Cada ano contrátanse 300 persoas”
Valentín González Formoso
Presidente da Deputación Provincial da Coruña

O presidente da Deputación da Coruña, Valentín González Formoso, destaca a importancia deste programa xa que “contribúe á conservación e o mantemento do patrimonio natural e o medio ambiente na provincia e impulsa tamén a creación de emprego durante os meses de verán”, afirma. A este respecto, sinala que a cargo deste programa e do de contratación de socorristas en piscinas municipais e praias fluviais “contrátanse cada ano preto de 300 persoas” en toda a provincia.

Adiantarse ao verán
21 mar 2022 / 01:00
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
Selecciona los que más te interesen y verás todas las noticias relacionadas con ellos en Mi Correo Gallego.