Santiago
+15° C
Actualizado
martes, 23 abril 2024
16:11
h

Profesionais turísticos súmanse ao plan de promoción do Camiño a Fisterra e Muxía

Turoperadores e técnicos municipais participaron nun encontro no Parador Costa da Morte // A asociación de concellos desta ruta queren valorizar todo o patrimonio

A Asociación de Concellos do Camiño Fisterra-Muxía reuniu este mércores no Parador Costa da Morte (Muxía) a unha trintena de touroperadores e técnicos municipais co fin de avanzar na promoción desta ruta xacobea.

Abriron a sesión o presidente da asociación e alcalde de Dumbría, José Manuel Pequeño, e o vicepresidente da Deputación da Coruña, Xosé Regueira, que estiveron acompañados polos alcaldes de Corcubión, Manuel Ínsua; Negreira, Manuel Ángel Leis; e Fisterra, Xosé Marcote.

Pequeño destacou as cualidades deste Camiño. “É o gran patrimonio que temos. Os veciños tamén son parte dese patrimonio, non só os peregrinos. É o camiño da luz, de gran valor inmaterial, e parece que non somos capaces de poñelo en valor. Pero tamén precisamos apoio institucional e da iniciativa privada”, afirmou, ao tempo que convidou aos presentes a ser embaixadores desta ruta.

Pola súa parte, Xosé Regueira referiuse ao Camiño de Fisterra e ao Inglés, os dous que discorren enteiros pola provincia. “Recomendar estes Camiños é recomendar unha experiencia turística de primeiro nivel, pola amabilidade, as especialidades gastronómicas diferenciadas nas catro estacións do ano e unha morea de recursos de calidade e, ademais, non están masificados”, destacou. Aludiu asemade á responsabilidade ecolóxica para unha experiencia sostible e advertiu de que o turismo está evolucionando. “O turista será moito máis esixente”, concluíu.

Antón Pombo: “Esta é unha prolongación á que están vinculados todos os itinerarios a Santiago”
A iniciativa forma parte dun plan de mellora de actividades, calidade
e da competitividade

Muxía. O historiador especializado no Camiño de Santiago Antón Pombo complementou o encontro cunha charla na que ofreceu a súa visión sobre a ruta. “Este non é un camiño máis, é unha prolongación á que están vinculados todos os demais Camiños de Santiago. É unha porta que conecta con outras dimensións. É o punto máis occidental de Europa”, apuntou.

Subliñou ademais que este Camiño debe ser un imán, un reto, “e hai que trasladar á sociedade que debe vir a este territorio mítico, polo menos, unha vez na vida”.

A xornada finalizou cunha andaina vespertina desde o Parador ata o Santuario da Virxe da Barca, de Muxía.

O encontro está enmarcado no plan de actuación deseñado pola Asociación de Concellos do Camiño a Fisterra e Muxía co fin de mellorar a calidade, a competitividade e as actividades turísticas.

O programa comezou cun ciclo de conferencias que se desenvolveu no Museo do Pobo Galego, en Santiago, no que participaron Manuel Castiñeiras, presidente do Comité Internacional de Expertos do Camiño de Santiago; o historiador e investigador Antón Pombo; o director do Museo do Pobo Galego, Manuel Vilar; e Francesca Riccio, representante do Ministerio de Cultura de Italia.

O resultado dese ciclo de ponencias será recollido nunha exposición itinerante que percorrerá os municipios de Ames, Negreira, Dumbría, Cee, Corcubión e Fisterra no mes de decembro.

Paralelamente estase desenvolvendo un programa formativo dirixido ao sector hostaleiro dos municipios que integran a asociación, composto de cursos de calidade e de inglés. O colectivo conta ademais coa colaboración das universidades da Coruña e Santiago para elaborar diversos estudos e publicar un libro sobre este Camiño.

Está prevista tamén unha xornada internacional con peregrinos. M. Lavandeira

01 dic 2022 / 01:00
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
TEMAS
Tema marcado como favorito
Selecciona los que más te interesen y verás todas las noticias relacionadas con ellos en Mi Correo Gallego.