Santiago
+15° C
Actualizado
sábado, 10 febrero 2024
18:07
h
CONFERENCIAS. O historiador Antón Pombo afondará o xoves nos fundamentos históricos e nas singularidades desta ruta // Avoga por valorizar o potencial cultural e paisaxístico do itinerario, que acolle cada ano a uns 60.000 peregrinos TEXTO J. Ramos

Promoción do Camiño de Fisterra e Muxía no Museo do Pobo Galego

A Asociación de Concellos do Camiño de Fisterra e Muxía continúa co seu plan de mellora da calidade, competitividade e actividades turísticas para poñer en valor este itinerario xacobeo. O Museo do Pobo Galego, en Santiago, é un dos marcos elexidos para difundir eses valores e este xoves, día 10 ás 19.00 horas, o historiador e investigador especializado no Camiño, Antón Pombo, afondará na orixe e nos fundamentos históricos deste itinerario e tamén nas súas singularidades, “pois é diferente aos demais”, afirma.

É singular porque “é unha prolongación”, engade, pero tamén porque ningunha outra ruta “entronca tan ben os antigos cultos coa posterior cristianización”. A eso hai que engadirlle un gran potencial histórico e cultural, ademais do “valor da natureza de toda a súa contorna”, ofrecendo aos camiñantes a primera fiestra ao mar, antes de chegar ao fin da Terra. “Moitos dos que peregrinan ata aquí veñen cunha información e un coñecemento previo dos valores deste Camiño”, afirma Pombo.

De feito, subliña, “esta ruta é máis coñecida polos extranxeiros que polos españois, e incluso, que polos naturais deste territorio”. Así o demostran os rexistros “pois os peregrinos foráneos representan case o 70 % do total dos preto de 60.000 camiñantes que cada ano chegan aquí”.

Aínda que esta xa é unha ruta consolidada, pois, segundo Antón Pombo, é a terceira máis percorrida, despois do Camiño Frances e do Camiño Portugués, “agora hai que xerar máis atractivos en base á historia e á cultura para reforzar a súa valorización”. “Non me gustaría que acabase sendo un produto e un Camiño masificado” engade, pero hai que brindarlle aos peregrinos información “da que agora non dispoñen quenes chegan a Fisterra ou Muxía”. Para eso, ve necesario crear centros de intepretación “para que todos poidan entender a tradición deste Camiño e coñecer as lendas e os seus valores culturais e patrimoniais”. A este respecto, Pombo afirma que “lendo os relatos de viaxeiros históricos pódese obter máis información da que pode aportar hoxe un peregrino actual, e iso hai que revertilo”, conclúe.

Demanda que o Camiño de Fisterra e Muxía se “poña ao mesmo nivel que os demais”, e di que “urxe a delimitación definitiva” do seu percorrido.

Cuestións que, entre outras, porá sobre a mesa na súa conferencia do xoves no marco dun plan que terá continuidade ao longo deste mes. Así, o 17 de novembro será o propio director do Museo do Pobo Galego, o muxián Manuel Vilar, quen afondará nos valores e potencialidades desta ruta. E o día 25, no mesmo escenario, Francesca Riccio, representante do Ministerio de Cultura de Italia, presentará o patrimonio de Puglia e, dentro del, a extensión da Vía Francíxena desde Roma a Leuca no Finibus Terre, un itinerario que garda notables similitudes coa Ruta a Fisterra e Muxía. O resultado destas conferencias quedará recollido nunha exposición que percorrerá os municipios de Ames, Negreira, Dumbría, Cee, Corcubión e Fisterra durante o mes de decembro.

Ademais o programa deseñado pola Asociación de Concellos do Camiño de Fisterra e Muxía inclúe unha xornada de internacionalización dirixida a peregrinos doutras nacionalidades aloxados en Santiago de Compostela, “co obxectivo de animalos a regresar a Galicia para continuar o Camiño cara ao fin do mundo”. O 30 de novembro convidarán tamén a turoperadores a unha xornada de familiarización.

O plan complementase cun programa formativo, a creación de experiencias turísticas, colaboracións coas universidades e varios estudos.

08 nov 2022 / 01:00
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
TEMAS
Tema marcado como favorito
Selecciona los que más te interesen y verás todas las noticias relacionadas con ellos en Mi Correo Gallego.