Santiago
+15° C
Actualizado
sábado, 10 febrero 2024
18:07
h
O programa de Negreira ten aberto o prazo para anotarse ata o 9 deste mes e o de Boqueixón ata o 15 // Noia organiza un campamento dirixido ás crianzas de 3 a 12 anos // A Laracha pon en marcha un servizo gratuíto de canguros TEXTO Ana Pérez

As propostas de Nadal axudan
a conciliar en toda a comarca

Achégase o Nadal, e con el os concellos da área compostelá ultiman distintas iniciativas para permitir conciliar ás familias durante o período vacacional. No caso de Negreira, o goberno local ten aberto o prazo para o Nadal Lúdico 2022-2023 ata o vindeiro 9 de decembro. Promovido a través do seu Centro de Información á Muller, está dirixido aos menores con idades comprendidas entre os 3 e 12 anos e ofrece un tempo de ocio de calidade. Abrangue dende o 23 de decembro ao 5 de xaneiro, ambos inclusive (23, 26, 27, 28, 29, e 30 de decembro de 2022 e 2, 3, 4 e 5 de xaneiro de 2023), sempre en horario de 8.30 a 14.30 horas. Custa 50 euros por participante.

Na Baña teñen ata o 16 de decembro para anotarse no seu campamento de conciliación de Nadal, dirixido a escolares de entre 3 e 13 anos. Desenvolverase no local social de San Vicenzo do 23 de decembro ó 5 de xaneiro, de 8.30 a 14.30, e o prezo para menores empadroados é de 25 €.

Boqueixón ten aberto ata o 15 deste mes o prazo para inscribirse no Nadal Activo. As actividades realizaranse nas instalacións municipais do Forte e no CPIP Antonio Orza Couto durante 10 días (23, 26, 27, 28, 29 e 30 de decembro e 2, 3, 4 e 5 de xaneiro). O horario de entrada será de 9.00 a 10.00 horas e o de saída de 13.30 a 14.00 horas. O Concello oferta un total de 20 prazas para nenos e nenas do segundo ciclo de infantil e primaria empadroados na vila e alumnado matriculado nun centro educativo do municipio.

En Lalín tamén se abriu, ata o día 12, o prazo para anotarse no Concilia Lalín durante o período vacacional. O servizo desenvolverase de xeito centralizado no CEIP Manuel Rivero de Lalín.

Pola súa parte, na comarca do Barbanza, Noia presentou unha nova edición do campamento de Nadal, unha iniciativa da concellería de Deportes Xuventude que ten como obxectivo prioritario permitir ás familias do municipio conciliar a vida laboral, persoal e familiar durante as vacacións. O campamento terá lugar do 23 de decembro ata o 4 de xaneiro e vai dirixido á rapazada de 3 a 12 anos. As familias que o desexen poden inscribirse a partir do vindeiro luns, 12 de decembro, na casa do concello. As actividades levaranse a cabo en horario de mañá, de 10.00 a 14.00.

En Ribeira o Concello organiza os campamentos de conciliación, nos que se ofertan 75 prazas para nenas e nenos dende cuarto de Educación Infantil ata cuarto de Primaria. As actividades desenvolveranse dende o día 23 de decembro ata o día 5 de xaneiro nas instalacións do CEIP O Grupo, de 09.00 a 14.00 horas. Tamén o Concello de Boiro organiza nestas vacacións de Nadal un campamento de conciliación. As inscricións pódense facer ata o nove de decembro na páxina web municipal. Vaise desenvolver os días 23, 26, 27, 28, 29 e 30 de decembro e 2, 3, 4 e 5 de xaneiro, de 08.00 a 14.00 ou de 09.00 a 14.00 horas, na casa da cultura.

Na Laracha o Programa Harmoniza vai dirixido a rapaces de entre 3 e 12 anos, e estará en funcionamento coincidindo coas vacacións nos centros de ensino de luns a venres –agás festivos– entre as 7.00 e as 14.00 horas nas instalacións do CEIP Otero Pedrayo. Ademais, este ano o Concello larachés pon en marcha un novo servizo gratuíto de canguros dirixido a familias con nenas e nenos desde o catro meses e ata os doce anos. Contempla a prestación de coidados básicos e atención nos domicilios, así como o acompañamento de menores fóra da vivenda. Pola súa banda, en Vimianzo o Concilia Nadal vai dirixido á rapazada de 5 a 14 anos, e desenvolverase do 26 ao 30 de decembro. Contará cun total de 40 prazas e os participantes desfrutarán de actividades gratuítas relacionadas coa arte e a arquitectura nas rúas e espazos públicos da capital local.

08 dic 2022 / 01:00
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
TEMAS
Tema marcado como favorito
Selecciona los que más te interesen y verás todas las noticias relacionadas con ellos en Mi Correo Gallego.