Santiago
+15° C
Actualizado
sábado, 10 febrero 2024
18:07
h

Proxeccións para a rapazada toda a fin de semana con Cinema Miúdo

O festival de Cultura amesá vai incluír 34 curtas a concurso // O domingo pola tarde, vídeos de Gramola Gominola, Nogueiras e Uxía Lambona e Banda Molona

Cultura de Ames organiza a quinta edición de Cinema Miúdo, un festival internacional dirixido a público infantil que se celebra na fin de semana nas casas da cultura de Bertamiráns e do Milladoiro, e que este ano ten como eixo temático o coidado do medio ambiente. Ata o de agora xa se retiraron 500 entradas (hai dispoñibles aínda nos propios auditorios ou en abilleteira.concellodeames.gal).

O festival internacional de cine infantil de Ames, Cinema Miúdo, comezou este xoves, xornada na que 770 rapaces dos colexios pasaron polos dous auditorios. E, para o público en xeral o festival arrincará este venres pola tarde coa gala de inauguración, que estará presentada por Globotolo e ten previsto ofrecer un descacharrante e único espectáculo que mistura clown e globos xigantes para contar a historia do crecemento das árbores e o seu sangue.

O prato forte de Cinema Miúdo é a súa Sección oficial, formada por 34 curtametraxes divididas en seis bloques: tres en categoría Axóuxeres, para cativada de entre 2 e 7 anos e outros tantos na de Buxainas, a partir de 7 anos. Ámbalas dúas sesións proxéctanse desde a tarde do venres ata a mañá do domingo e despois de cada unha delas, os pequenos asistentes poderán votar a súa curta favorita converténdose no xurado que outorgará o premio do público nas dúas categorías.

Fóra xa de certame, visualizaranse traballos da produtora galega Abano Producións, pioneira na creación de historias por animación. As curtametraxes A flor máis grande do mundo, O soldadiño de chumbo e O xigante poderán verse o venres na casa da cultura de Bertamiráns. Tamén se proxectará unha escolma das mellores curtametraxes para todos os públicos que pasaron por Cinanima Junior, o maior festival de animación da península, que se celebra en Espinho. Será o domingo ás 17.30 h. no Milladoiro. Antes, ás 13.00 horas, haberá tamén sesión A bailar cos videoclips! cos mellores traballos galegos producidos recentemente. Neste evento, pequenos e maiores poden esquecer as súas cadeiras e deixarse levar cos vídeos de Uxía Lambona e a Banda Molona, A Gramola Gominola ou Paco Nogueiras.

Por último, o domingo ás 18.30 celebrarase unha gala de clausura na que se descubrirán cales son as mellores curtametraxes desta quinta edición, segundo o criterio do público miúdo e do xurado profesional, composto por Miguel Anxo Alonso Diz, Isabel Rey e Paulo Mosca. Como mestre de cerimonia exercerá Peter Punk, que intercalará as curtametraxes premiadas con vistosos números circenses e cómicos.

Cinema Miúdo é un festival de cine infantil que nace da concellaría de Cultura de Ames en 2017. Este certame quere proporcionar ao público galego a oportunidade de desfrutar de filmes inéditos, orixinais, sorprendentes e de descubrir olladas doutras partes do mundo.

24 nov 2022 / 23:00
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
TEMAS
Tema marcado como favorito
Selecciona los que más te interesen y verás todas las noticias relacionadas con ellos en Mi Correo Gallego.