Santiago
+15° C
Actualizado
sábado, 10 febrero 2024
18:07
h

Proxectan as expropiacións do novo polígono de Ribeira

Adxudicouse tamén o servizo de arqueoloxía para o control da obra e as catas // O seguinte paso será deseñar a urbanización

O Concello de Ribeira vén de adxudicar o proxecto de expropiación e os servizos de arqueoloxía do novo polígono industrial, que se corresponden cos lotes 1 e 2 da licitación do servizo de planeamento necesario para a execución desta área industrial de 258.000 metros cadrados situada no contorno de Fontenla e Pedras Vermellas, na parroquia de Palmeira.

Polo que respecta ao proxecto de expropiación, a adxudicación recaeu na entidade Fernández Carballada y Asociados S.L.P., conforme a unha proposta de 43.560 €, IVE incluído, en tanto que a execución dos servizos de arqueoloxía recaeron na empresa Árbore Sociedade Cooperativa Galega por 26.194 €.

Ditos servizos de arqueoloxía inclúen a realización dun total de 64 catas e 64 gabias de sondeos, así como o control na execución das obras.

Xa que logo, unicamente está pendente de adxudicación o lote 3, que se corresponde coa redacción do proxecto de urbanización, cun prezo inicial de licitación de 173.030 euros e no que a primeira clasificada resultou ser a firma Monsa Urbanismo S.L. de entre as catro ofertas presentadas ao concurso.

A urbanización contempla a rede de abastecemento de auga, incluída a súa captación, depósito, tratamento e distribución, instalacións de rego e contra incendios; a rede de saneamento, incluídas canalizacións e colectores de evacuación, recollida de pluviais e sistemas de depuración; e a subministración de enerxía eléctrica, incluídas as instalacións de condución, transformación, distribución e iluminación pública.

Cómpre lembrar que paralelamente se estiveron a dar outros pasos encamiñados á materialización do polígono.

Así, no pleno celebrado o pasado mércores 1 de setembro aprobouse a concertación dunha operación de préstamo a longo prazo de 1,2 millóns de euros co propósito de financiar a expropiación dos terreos para o polígono.

Ademais, o Diario Oficial de Galicia publicou o pasado día 23 de novembro o anuncio da aprobación definitiva da modificación puntual do Plan Xeral de Ordenación Municipal de Ribeira que facía posible a creación desta zona industrial tras catro anos de informes e trámites, se ben os primeiros pasos en firme déronse xa en 2014 ao encargarse o estudo de viabilidade e sondearse as posibles ubicacións.

No período de consulta pública realizada polo Concello para obter unha estimación real da demanda de espazo con motivo da próxima construción do novo polígono, os datos obtidos superaron con moito as expectativas, ata o punto de esgotarse virtualmente a superficie planificada. Así, un total de 41 empresas manifestaron interese en ocupar 156.000 metros cadrados nunha infraestrutura que contará con 156.807 para uso industrial, ademais de 1.150 para equipamentos, 577 para servizos urbanos, 35.620 para o sistema viario e 64.770 como espazos libres.

Ademais, en base a esa estimación crearíanse 716 postos de traballo de acordo cos datos trasladados polas empresas que manifestaron en dita consulta a intención de reservar chan industrial.

Á luz destes resultados, o Concello xa se puxo a traballar no desenvolvemento dunha segunda fase que permita dotar de máis metros cadrados ao tecido industrial.

Prevese que o prezo de venda das parcelas, segundo o proxecto, será de cincuenta euros por metro cadrado.

Os empresarios ribeirenses levaban anos demandando a creación dun novo recinto industrial para a localidade, dado que o actual, ubicado en Xarás, está xa saturado.

08 dic 2021 / 14:27
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
TEMAS
Tema marcado como favorito
Selecciona los que más te interesen y verás todas las noticias relacionadas con ellos en Mi Correo Gallego.