Santiago
+15° C
Actualizado
sábado, 10 febrero 2024
18:07
h

Proxecto para recuperar os cantos de berce en Xallas

A iniciativa é do CEIP Barrié de la Maza de Santa Comba, que recolleu cántigas e recuperou os arrolos das avoas e das nais

O CEIP Barrié de la Maza de Santa Comba destaca, desde hai anos, por distintas iniciativas que se veñen desenvolvendo e que incluso acadaron recoñecemento público de diversa índole. Agora a tarefa marcada consiste en recoller aquelas cantigas fermosas dos nosos antergos. Recuperar arrolos e cantos de berce herdados das nosas avoas ou das nosas nais. Un tesouro que recibimos e en moitos casos non se transmite.

Ese é o obxectivo do proxecto Arrólame paseniño, arrólame un pouquiño, unha iniciativa enmarcada dentro do programa de innovación educativa en dinamización lingüística da Consellería de Educación, que foi presentado na sintonía de Radio Xallas pola directora do centro, Dolores Nieto, a profesora de música Olaia Novo e dúas traballadoras, Esther García e Graciela Gomes, que incluso cantaron pezas que escoitaran na súa infancia en Freixeiro-Santa Comba e na Illa de Madeira (Portugal), respectivamente.

As dúas traballadoras son exemplos da potente carga sentimental que teñen estas cancións, polo que significan e tamén porque hai moitas delas que se manteñen na memoria colectiva das aldeas da Terra do Xallas, sen esquecer o enriquecemento cultural que supón recibir as que proceden doutras partes do mundo. “Estamos preparando un proxecto de recollida de arrolos e cantos de berce da contorna e na comunidade”, explicou Dolores Nieto, destacando a intención “intercultural” da actividade, xa que no colexio hai alumnos e persoas “doutros lugares do mundo que queremos facer partícipes”. Nesa mesma liña expresouse Olaia Novo: “É un proxecto de recuperación do patrimonio inmaterial de toda a Terra do Xallas e da comunidade escolar. Unha homenaxe á tradición oral”.

Os obxectivos non son outros que recuperar a tradición, valorar o papel da muller e afondar na multiculturalidade. Arrólame paseniño, arrólame un pouquiño está en fase de lanzamento, co plan de comunicación, iniciado cun “clipping de audio” con cantos de berce que recollera o inquedo musicólogo Alan Lomax, pero tamén con contribucións de Xabier Díaz ou do grupo Tanxugueiras.

02 ene 2022 / 01:00
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
TEMAS
Tema marcado como favorito
Selecciona los que más te interesen y verás todas las noticias relacionadas con ellos en Mi Correo Gallego.