Santiago
+15° C
Actualizado
sábado, 10 febrero 2024
18:07
h
O goberno local aposta por actividades de pequeno formato e aforo reducido para preservar a esencia da festa // A anguía e a augardente serán os eixes centrais dos actos TEXTO Brais Fdez.

Prudencia e sentido común para manter unha tradición

Mercé a positiva situación sanitaria que está mantendo o concello de Valga e froito tamén da grata experiencia do verán pasado, o goberno municipal decidiu manter un ano máis a tradicional Festa da Anguía e Mostra da Caña do País. Dende 1989, sen interrupcións, a localidade enxalza dous dos seus produtos máis típicos con actos conmemorativos nos que a gastronomía é a protagonista.

Neste senso, ao igual que durante a edición de 2020, apóstase pola prudencia e pola responsabilidade para manter unha tradición de décadas. Por iso, os tradicionais grandes actos lúdicos, como as verbenas ou a degustación popular no Parque Irmáns Dios Mosquera, volven a suspenderse, xa que o obxectivo é evitar grandes aglomeracións de xente que poidan poñer en risco a saúde pública.

Porén, si se van a celebrar, e de feito algunhas delas xa se levaron a cabo, outras actividades de pequeno formato e con aforo reducido, para manter a esencia desta festa e non deixar de promocionar tanto a anguía como a augardente de Valga.

Deste modo, seguindo as indicacións das autoridades sanitarias, dende comezos de mes estase a celebrar o Agosto Gastronómico, con actos para todos os públicos. Celebrouse un obradoiro de cociña para nenos, o concurso Anguía Chef para mozos e tamén se están levando a cabo demostracións de cociña en vivo, nas que os chefs Fran Jamardo, Coque Fariña e Rocío Garrido elaboran pratos con anguía e caña. Dentro desta iniciativa, o vindeiro día 25 haberá, ademais, unha cata maridaxe e o domingo 29 pecharanse as actividades cun showcooking de cócteles elaborados con caña.

Outra dos puntos emblemáticos destes festexos é o Concurso da Caña do País. Ata o día 25 está aberto o prazo para que os produtores artesanais de augardente de Valga presenten os seus licores brancos, de herbas ou tostados. A continuación, as catas celebraranse o 26 e 27 de agosto, no Centro de Interpretación da Caña do País, mentres que o propio día 27, trala cata final, será a quenda para os ritmos musicais, coa actuación da Banda de Sanxenxo.

Do mesmo xeito, tamén conseguen manter a demostración de destilado da caña do país, que realizarán dous cañeiros locais, durante a tarde do sábado 28, no Centro de Interpretación situado no Parque Irmáns Dios Mosquera.

Precisamente, neste mesmo espazo verde, o sábado, como peche da celebración, a partir das 21.00 horas, celebrarase o acto de entrega de premios dos concursos e certames realizados con motivo da festa. Ao finalizar o acto, arredor das 21.30, a Banda de Música Municipal de Valga ofrecerá un concerto no citado parque.

20 ago 2021 / 00:05
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
TEMAS
Tema marcado como favorito
Selecciona los que más te interesen y verás todas las noticias relacionadas con ellos en Mi Correo Gallego.