Santiago
+15° C
Actualizado
sábado, 10 febrero 2024
18:07
h
O parque empresarial boirense de Espiñeira recibe axudas para a mellora da pavimentación, da sinaléctica e das beirarrúas e tamén a instalación de colectores de lixo // A Xunta trata de facilitar a captación de novos investimentos TEXTO V. Furelos

Pulo ós polígonos industriais na busca da creación de emprego

O vicepresidente económico e conselleiro de Economía, Empresa e Innovación, Francisco Conde, acompañado do delegado territorial da Xunta na Coruña, Gonzalo Trenor, visitou na xornada deste luns o parque empresarial de Espiñeira, en Boiro, un dos beneficiarios das axudas postas en marcha pola Xunta de Galicia para ofrecer as mellores condicións de servizo ás empresas asentadas nos polígonos e facilitar a captación de novos investimentos.

En concreto, o parque de Espiñeira foi inaugurado no ano 1998 e na actualidade ocupa case 400.000 metros cadrados, nos que levan a cabo as súas actividades preto de 70 empresas. O polígono da Espiñeira é un dos máis competitivos do Barbanza, axudado pola súa ubicación, xa que está ao pe da autovía que comunica ca AP-9, que leva ás principais vilas galegas e ó aeroporto santiagués de Lavacolla e está situado a apenas doce quilómetros do porto de Vilagarcía e moi cerca da terminal de carga de ferrocarril de Padrón.

O polígono empresarial boirense obtivo dúas axudas, cuxo importe supera os 183.000 euros e cos que se agarda mobilizar case 230.000 euros. Estas aportacións permitirán a mellora da pavimentación, da sinaléctica e das beirarrúas e tamén a instalación de colectores de lixo.

Estas actuacións enmárcanse dentro da liña de apoios posta en marcha pola Xunta de Galicia para impulsar proxectos de acondicionamento de infraestruturas, a través dun investimento de 4,12 millóns de euros. En total, foron 51 os municipios galegos –entre os que se inclúe Boiro– os que puideron mellorar as redes viarias, a xestión de residuos, a depuración de augas ou a seguridade nos seus polígonos.

Na provincia da Coruña resultaron apoiados vinte e un proxectos, que entre todos suman unha partida pública de 1,7 millóns de euros.

Estas actuacións forman parte da vontade do Goberno autonómico de dar pulo aos parques empresariais galegos, facilitando que empresas e emprendedores dispoñan dunha oferta competitiva de parques e polígonos onde instalarse para dinamizar e impulsar a actividade económica e crear postos de traballo.

Neste sentido, o vicepresidente económico apuntou á Lei de Áreas Empresariais de Galicia que está a preparar o Executivo para seguir traballando cos concellos na mellora destas infraestruturas “para que poidamos seguir atraendo investimentos e, polo tanto, xerando emprego”, apuntou, ao mesmo tempo que asegurou que a colaboración desde a Xunta de Galicia vai seguir sendo “permanente”.

areadecompostela@elcorreogallego.es

O protagonista
“Boiro é un exemplo de dinamismo empresarial”
Francisco Conde
Conselleiro de Economía, Empresa e Innovación

“Boiro é un exemplo de dinamismo de actividade empresarial que temos que seguir apoiando a través da colaboración entre a Xunta de Galicia co propio Concello e, polo tanto, Espiñeira ten que seguir demostrando que é un motor de xeración de emprego e un motor para atraer novos investimentos, como xa o está a facer”, apuntou o vicepresidente económico da Xunta de Galicia, Francisco Conde, durante a súa visita ó polígono empresarial boirense. Alí aproveitou para coñecer de primeira man as inquedanzas de empresas como, entre outras, a conserveira Jealsa, ou Egalsa, do grupo JJ Chicolino. O conselleiro Francisco Conde insistiu na necesidade de seguir a traballar man a man cos concellos coa intención de mellorar as infraestruturas como incentivo para atraer ás empresas, o que axudará á creación de postos de traballo. Así, o vicepresidente económico da Xunta anunciou que desde o Goberno galego avógase pola colaboración institucional para acadar estes obxectivos, polo que agradeceu a Boiro que forme parte da iniciativa dos Concellos Emprendedores, que xa conta coa participación de 36 municipios da provincia da Coruña, 21 de Lugo, 66 de Ourense e 22 de Pontevedra. En total están incluídos 145 concellos dos 315 galegos, o que supón case a metade.

{ cousas do demo }
Traballo sendo competitivos
Víctor Furelos

os investimentos nos polígonos industriais son necesarios polo que supoñen de axudas para facilitar o traballo das empresas e, ó tempo, para impulsar a creación de emprego. Hai que deixar lonxe aquela teimuda fixación de moitos alcaldes por ter un parque empresarial que, moitas veces, se convertiu nunha fábrica de maleza ante a ausencia de inquilinos. É importante que as empresas teñan todas as ferramentas necesarias para medrar, e que poidan escoller parcelas que sexan axeitadas ás súas necesidades, cuns prezos competitivos e que estén perfectamente conectadas para transportar as súas mercadorías de xeito rápido e eficaz nun mundo que xa non ten fronteiras. Iso é facer país. E o de crear emprego virá despois.

02 ago 2021 / 20:48
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
TEMAS
Tema marcado como favorito
Selecciona los que más te interesen y verás todas las noticias relacionadas con ellos en Mi Correo Gallego.