Santiago
+15° C
Actualizado
sábado, 10 febrero 2024
18:07
h
O Goberno galego apoia a modernización de dous mil negocios en Galicia co Bono para traballadores por conta propia // En Lalín , en oito meses, a máis de 700 // O terceiro Plan de rescate pode solicitarse ata o 30 de setembro TEXTO Claudina Estévez

Pulso ao virus: axudas para os autónomos e empresas locais

O Bono Autónomo da Xunta de Galicia leva traballando medio século para contribuír a dinamizar o sector comercial da comarca. Onte a conselleira de Emprego e Igualdade, María Jesús Lorenzana, visitaba en Lalín un dos negocios beneficiarios desta axuda; a Zapataría Martínez. “É unha mostra do valor dos negocios familiares e da resiliencia dos autónomos e autónomas galegas”, subliñou a conselleira.

Lorenzana lembrou que a Xunta conta con numerosos programas para favorecer o emprego na comunidade e son, entre outros, o Bono Autónomo ou as axudas directas dos plans de rescate coas que se está a aportar liquidez aos traballadores por conta propia e pequenas empresas máis afectadas pola COVID. Ao respecto, a responsable de Emprego e Igualdade sinalou que o Goberno galego apoiou en Lalín en oito meses a máis de 700 autónomos e microempresas con axudas “por valor de máis de 1,5 millóns de euros a través dos dous primeiros plans de rescate, deseñados en tempo récord pola Consellería de Emprego e Igualdade”. Lembrou, así mesmo, que as axudas do terceiro Plan, con fondos estatais, aínda se poden pedir, ata o próximo 30 de setembro, despois de que a Administración autonómica ampliara o prazo de solicitude para que as subvencións poidan chegar aos que máis as precisan. Neste senso, volveu a insistir na necesidade de que “o Estado flexibilice os criterios destas axudas para que os fondos cheguen e se poida seguir aportando liquidez ao tecido empresarial galego”, lembrou.

En canto ao Bono Autónomo, trátase dunha iniciativa coa que a Xunta pretende contribuír á consolidación do emprendemento para manter e aumentar as estruturas de emprego estable e de calidade. O plan, que se pode solicitar ata hoxe, contan cun orzamento de 5,5 millóns de euros para garantir a modernización e consolidación de preto de 2.000 negocios na comunidade. Este proxecto favorece, por unha banda, a mellora da competitividade dos establecementos, apoiando a contratación de servizos especializados para a realización de tarefas de investigación de mercado ou plans de márketing; e, doutro lado, está destinado ao financiamento de investimentos dedicados á mellora e modernización dos negocios como son, entre outros, a adquisición de equipamento ou maquinaria ou a elaboración de páxinas web ou logotipos.

Outros apoios cos que a Administración autonómica quere favorecer o emprego autónomo son os destinadas ao inicio de actividade e á contratación indefinida do primeiro, segundo e terceiro traballador. Este programa conta cun orzamento de 12,2 millóns de euros e a subvención pode pedirse ata o vindeiro 30 de setembro. O obxectivo do Goberno galego é beneficiar a tres mil autónomos e noventa empresas.

Sobre esta medida, Lorenzana destacou a aposta polos principios de inclusión e non discriminación dos colectivos máis vulnerables, xa que o importe das axudas duplícase ata os 4.000 euros para os menores de trinta anos, parados de longa duración, persoas con discapacidade ou en risco de exclusión social, entre outros. Ademais, a contía increméntase nun 25 % para mulleres, emigrantes retornados ou para os maiores de 45 anos.

A PROTAGONISTA
“Unha sociedade máis igualitaria”
María Jesús Lorenzana
Conselleira de Emprego e Igualdade

A conselleira desprazouse tamén ata o Centro de Información á Muller (CIM) de Lalín, que nos seus 16 anos de labor constante atendeu a 845 usuarias e máis de 5.700 consultas non só do Concello de Lalín, senón tamén de Agolada e Rodeiro. Lorenzana puxo en valor o traballo dos centros de información á muller de Galicia e indicou que materializan o compromiso do Goberno galego pola consecución “dunha sociedade máis igualitaria e plural, onde non teña cabida nin a máis mínima manifestación de discriminación ou violencia por razón de xénero”. Recordou que o CIM lalinense contará este ano cunha axuda autonómica de preto de 100.000 euros, o orzamento “máis elevado da última década” e sinalou que a este súmanse outros 26 na provincia de Pontevedra. A liña de axudas a ditos centros ascende a 3,9 millóns este ano.

{ A OLLADA }
Tempos de crise
Claudina Estévez

Son tempos críticos non soamente a nivel sanitario, senón tamén económico. A pandemia provocada pola COVID afectou gravemente a nosa vida social, a saúde e aos nosos postos de traballo. Moito se fala das complicacións que sufriu e está a sufrir a hostalaría ou o ocio nocturno, pero tampouco hai que esquecerse doutros prexudicados: os pequenos comercios e os autónomos. Toda axuda é pouca para lograr que saian adiante e non se vexan condenados a colgar o cartel de ‘pechado’. Porque si algo axuda a entristecer máis, se cabe, a situación que levamos ano e medio vivindo, é ver como os locais de sempre desaparecen, incapaces de facer fronte ás pérdidas. É o momento de que as Administracións fagan un sobreesforzo.

12 ago 2021 / 01:00
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
TEMAS
Tema marcado como favorito
CIM
Selecciona los que más te interesen y verás todas las noticias relacionadas con ellos en Mi Correo Gallego.