Santiago
+15° C
Actualizado
domingo, 03 julio 2022
02:23
h

‘Queiman Folki’ fai escala en Cee con maxia, bruxas, pirotecnia, danza e música

Será un espectáculo guionizado para a vila da Xunqueira con motivo do Ano Xubilar Mariano // A cita é este venres ás 23.00 horas na Casa da Cultura

O Ano Xubilar Mariano da Xunqueira de Cee segue avanzando e sorprendendo con múltiples e variadas propostas. A próxima será este venres, na noite do San Xoán, e encherá a vila ceense de maxia, bruxas, danza, música e fogos de artificio con motivo do espectáculo Queiman Folki, liderado polo Bruxo Queiman. A cita é ás 23.00 horas no adro da igrexa.

Será un espectáculo guionizado para Cee, a través do cal divulgarán tamén as figuras do mecenas Fernando Blanco e do prestixioso arquitecto Domingo Antonio de Andrade, dous ceenses ilustres.

“Pediremos tamén a protección da Virxe da Xunqueira”, afirmou ou Bruxo Queiman na presentación da cita que, avanzou, “terá tamén un carácter mariñeiro, e homenaxeará ás mariñeiras, que son as grandes matriarcas do mar”. A Costa da Morte e os seus prezados mariscos tamén estarán entre os protagonistas desta proposta.

O Bruxo Queiman e o seu equipo de músicos e bailaríns farán escala en Cee, despois de pasar por Miami e Chiapas (México) e viaxarán tamén a Cuba co seu innovador espectáculo. Da organización na capital ceense encárgase a Asociación de Amigos da Xunqueira, que conta co apoio do Concello de Cee, a Deputación da Coruña e a Xunta de Galicia, a través do programa Xacobeo 21-22.

O presidente de Amigos da Xunqueira, Iván Pérez, asegurou que se trata “dun traballo comprometido coa cultura da nosa terra, que fala das distintas etapas polas que pasa un peregrino no Camiño de Santiago, e que o Bruxo Queimán prolongará ata o noso xubileo, ata a Virxe da Xunqueira e a súa vila de Cee”.

A alcaldesa, Margarita Lamela, subliñou que é un espectáculo que “promete e anima a estar aí para desfrutalo”. Asimesmo, dixo sentirse emocionada porque no mesmo teñan cabida Fernando Blanco, Domingo de Andrade, as mariñeiras, a maxia, as bruxas, o folk, a danza... “porque encaixan moi ben neste ano xubilar tan importante para Cee, que está en pleno Camiño de Santiago cara o solpor, a fin do mundo”.

No acto de presentación tamén participou o cura párroco de Cee, Desiré Kouakou, que é o coordinador de todos os actos relixiosos que están programados neste Ano Xubilar Mariano da Xunqueira.

A programación deste mes de xuño completarase o luns, día 27, co lanzamento do videoclip Ave María, de Gemma Román, Miguel Blanco e Estela Blanco. Os interesados poderán visualizalo online, a partir das 13.00 horas. Sinalar que este mércores tamén se estreou nas redes sociais un vídeo promocional do comercio de Cee, promovido igualmente por Amigos da Xunqueira.

TEATRO. Paralelamente, o Concello de Cee segue a programar novas citas culturais. O vindeiro domingo día 26 ás 20.00 horas na casa da cultura, a Escola Municipal de Teatro representará a obra titulada Último día de mes e outras historias, baseada en textos de Anton Chekhov e dirixida por Artur Trillo.

O elenco de actrices e actores confórmano María José Traba, Tito Rodríguez, Dana Rodríguez, Clemen Vigo, Serxio Domínguez, Belén Lema, Mónica Vilela, Ana Lado, María Lariño, Leticia Domínguez, Irene Olveira, Yoli García, Pablo García, Fina Vieites, Belén Lado, Rosa González e Anuska Vázquez.

23 jun 2022 / 01:00
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
TEMAS
Tema marcado como favorito
Cee
Selecciona los que más te interesen y verás todas las noticias relacionadas con ellos en Mi Correo Gallego.