Santiago
+15° C
Actualizado
sábado, 10 febrero 2024
18:07
h

Rafaella Resources deberá aclarar o seu proxecto para a mina de San Finx

Terá que presentar un plan de explotación actualizado e sometelo a avaliación ambiental // A Xunta estará vixiante para que se cumpran todas as condicións

O vicepresidente económico e conselleiro de Economía, Empresa e Innovación, Francisco Conde, mantivo este mércores unha reunión con alcaldes das comarcas do Barbanza e de Muros-Noia para avaliar a situación actual da mina lousamiá de San Finx (que vén de ser adquirida a Sacyr polo grupo australiano Rafaella Resources).

No encontro, Conde insistiu en que a prioridade da Xunta de Galicia é a protección do medio ambiente e dos recursos naturais, polo que a Administración autonómica se mantén “vixiante” para garantir que calquera actividade mineira que se desenvolva en Galicia en xeral e en San Finx, en particular, cumpra as garantías urbanísticas, ambientais e técnicas exixidas pola lexislación actualmente vixente e que sexan compatibles cun modelo de minaría sostible e respectuoso.

O vicepresidente económico explicou que o Executivo galego non recibiu solicitude formal da transmisión da titularidade nin ningún tipo de comunicación ao respecto por parte de Sacyr nin de Rafaella Resources.

Neste sentido, sinalou que será necesario comprobar a solvencia técnica e financeira da nova empresa, que debe aclarar o proxecto que pretende levar a cabo, xa que no caso de pretender actuar en galerías agora mesmo inutilizadas pola presenza de auga deberá presentar un proxecto de explotación actualizado, que deberá someterse ó trámite de avaliación ambiental que corresponda.

Conde lembrou que actualmente a concesión segue vixente sempre e cando se cumpra con todas as condicións técnicas, urbanísticas e ambientais establecidas.

Así, o último paso adoptado foi iniciar a tramitación da autorización dunha nova instalación depuradora que garanta que todas as verteduras da auga se realicen cumprindo coas directrices e parámetros de calidade establecidos por Augas de Galicia, baseándose nos resultados obtidos nos ensaios efectuados na proba piloto, e evitando calquera tipo de afección á ría.

Ademais, na reunión confirmóuselle aos alcaldes que desde a Xunta de Galicia seguirase exixindo a restauración das balsas á empresa.

A Administración galega traballa, pois, coa máxima planificación e anticipación co obxectivo de velar por que a empresa actúe con responsabilidade e de xeito que se dean as condicións necesarias para garantir a calidade das augas e a compatibilidade coas actividades da zona.

Na reunión participaron tamén a conselleira de Mar, Rosa Quintana; os alcaldes de Porto do Son, Luis Oujo; Noia, Santiago Freire; Outes, Manuel González; Muros, Inés Monteagudo, e Lousame, Teresa Villaverde; a tenente de alcalde de Ribeira, María Sampedro; a directora de Augas de Galicia, Teresa Gutiérrez, e a directora xeral de Planificación Enerxética e Recursos Naturais, Paula Uría. A conselleira de Infraestruturas, Ethel Vázquez, participou por videoconferencia.

Rafaella Resources anunciou a súa intención de realizar unha revisión detallada do recurso menos profundo, pois ten todos os permisos necesarios para a reanudación da explotación mineira por encima dos niveis inundados, mentras agarda a que remate a tramitación para liberar algunha galería das augas pluviais acumuladas.

12 ene 2022 / 15:35
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
TEMAS
Tema marcado como favorito
Selecciona los que más te interesen y verás todas las noticias relacionadas con ellos en Mi Correo Gallego.