Santiago
+15° C
Actualizado
sábado, 10 febrero 2024
18:07
h

Rañalonga: capital da hípica xacobea, ca mellor música e ocio do San Xoán

Entre xoves e domingo daranse cita máis dun cento de monturas nos montes de Brión // Actuacións a cargo de Vignola, Smoke Trío, DJ Javivi e Somoza Trío

Chegan aos montes brioneses de Rañalonga uns Concursos Hípicos no Camiño (CHNC) con máis dun cento de cabalos que, sempre que o tempo o permita, vanse complementar cun programa musical e de ocio que fará as delicias de todos os asistentes na presente semana do San Xoán.

Deste xeito, o dominio das monturas misturarase coas galas de Vignola, este xoves na Noite de San Xoán, a partir das 22.00 horas; ca Música no Camiño, xa o venres ás 22.30 horas a cargo de Smoke Trío, mentras que o sábado desenvolverase unha Noite de Picadiscos, ás 22.30 horas, con DJ Javivi. Pechará o programa este domingo o Vermuteando no CHNC, ás 13.30 horas da man de Somoza Trío.

Así, e coas inscricións pechadas, dende o pasado día 20 de xuño, tanto para o Concurso de Saltos Nacional Dúas Estrelas como para o Concurso Completo de Equitación –organizado xunto co Centro Equestre La Croupe, con sede na aldea amesá de Pegariños–, a organización móstrase moi ilusionada, e o presidente de CHNC Javier Masaguer, confirma que “serán máis de 110 cabalos os que participen nas diferentes probas ao longo da fin de semana; a verdade é que estamos moi contentos coa resposta dos xinetes, para nós é un reto volver a traer a Brión os espectáculos ecuestres e esperamos estar á altura”, di.

Cabe destacar que non só haberá competición deportiva senón que, tal e como apunta Diego Gómez, director do concurso, “decidimos que o evento sexa unha gran festa que vai comezar o 23 de xuño coa chegada a Rañalonga dos cabalos. Xa pola noite terá lugar a cacharela de San Xoán e a primeira das actuacións musicais”. Os horarios da parte deportiva, que poderían sufrir algunha modificación en caso de condicións meteorolóxicas adversas, darán comezo o día 24 a mediodía coas probas de salto que se estenderán ata as 20.00 h.

O sábado 25 dende as 10 da mañá, Concurso Completo de Equitación coa parte de doma; e ás 12.30h. desenvolverase a parte de salto paralelamente ao Concurso de Saltos Nacional Dúas Estrelas. A xornada do domingo pechará o certame coa proba de Cross no Concurso Completo de Equitación e o Gran Premio Concello de Brión, neste caso na disciplina de salto.

22 jun 2022 / 01:00
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
TEMAS
Tema marcado como favorito
Selecciona los que más te interesen y verás todas las noticias relacionadas con ellos en Mi Correo Gallego.