Santiago
+15° C
Actualizado
sábado, 10 febrero 2024
18:07
h

Rastrillos solidarios a prol de persoas con diversidade

Íntegro porá á venda produtos de segunda man os sábados de febreiro // Coa recadación financiarán as actividades de lecer

Creatividade, inxenio e bo facer son sinais de identidade do labor que, dende hai máis de trinta anos, vén facendo a Asociación Íntegro a prol das persoas con diversidade funcional da Costa da Morte.

Entre a multiplicidade de iniciativas e actividades que desenvolven ao longo de todo o ano, o vindeiro mes de febreiro as frechas de amor de Cupido compartirán protagonismo coas mostras de solidariedade que realizarán as persoas que se acheguen ata o mercado solidario que Íntegro celebrará os sábados nas instalacións que a empresa de Xestión Social Máis Porvir ten na localidade de Baio, en Zas (Os Muíños, nº 7, O Allo).

Mobiliario, téxtil, lámpadas, complementos, enciclopedias ou libros a partir de 2 euros serán algunhas das gangas que se poderán atopar neste singular rastrillo de produtos de segunda man, que permanecerá aberto ao público os vindeiros días 4, 11, 18 e 25 de febreiro, en horario de 10.30 a 13.30 horas.

A recadación de cada evento irá destinada a financiar actividades de lecer, enmarcadas no programa Vida comunitaria e social do Centro de Recursos de Nantón (Cabana), necesarias para promover a adquisición de experiencias que melloren a calidade de vida das persoas usuarias (actividades recreativas, de ocio, relacións sociais, etc.).

Dende a asociación, que preside Adolfo López, “queremos convidar a toda a veciñanza a participar nesta iniciativa solidaria, que ademais supón todo un exemplo de economía social e sustentabilidade”, afirman ó respecto.

As persoas interesadas poden obter máis información sobre esta iniciativa a través do enderezo electrónico info@integro.es ou mediante o WhatsApp 650 961 649.

BICOS DE AMORA. No Centro Ocupacional de Íntegro están traballando tamén no deseño da nova colección Bicos de Amora, que naceu coa comercialización dunha liña propia de xabóns de glicerina cento por cento vexetal.

Moi pronto presentarán novas propostas para seguir agasallando orixinalidade, artesanía e solidariedade os 365 días do ano. Os pedidos poden facerse a través dos teléfonos 981 734 985 e 650 961 649, de Facebook e Instagram ou dos traballadores do centro.

trinta aniversario
aposta pola inclusión

··· A Asociación Íntegro leva trinta anos camiñando cara a inclusión das persoas con diversidade funcional. Naceu en 1992 impulsada por un grupo de sete persoas, a maioría con lesións medulares, entre elas o seu presidente, Adolfo López Baña. Dende as súas orixes comprometeuse coa formación e a búsqueda de emprego como elementos determinantes para a consecución dunha vida plena autónoma dos seus asociados.

··· Na actualidade, a través do centro especial de emprego Máis Porvir Xestión Social, ofrece traballo a 42 persoas, das que 38 teñen algún tipo de discapacidade. Este é un trampolín ao mercado empresarial.

26 ene 2023 / 06:00
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
TEMAS
Tema marcado como favorito
Selecciona los que más te interesen y verás todas las noticias relacionadas con ellos en Mi Correo Gallego.