Rebelión rural na Coruña para que Abanca non peche oficinas
A veciñanza dos concellos de A Baña, Vimianzo e Zas volveu saír á rúa, esta vez diante da sede central de Abanca na Coruña, para amosar o seu rexeitamento ao anunciado peche de oficinas nos seus respectivos municipios. En total, máis de 500 persoas déronse cita nos Cantóns, ata onde acudiron tamén alcaldes e veciños doutros municipios para apoiar as reivindicacións.
Os tres concellos puxeron a disposición das veciñas e veciños autobuses para efectuar os desprazamentos desde as tres localidades ata a capital da provincia, efectivos aos que se sumaron as persoas que se moveron ata a cidade da Coruña nos seus vehículos particulares.
En total son nove as oficinas que Abanca ten previsto pechar en Galicia neste mes de setembro. Ás da Baña, Baíñas e Zas únense as de San Valentín (A Coruña), Campo Lameiro e Campelo (Pontevedra), San Xoán de Río, Padrenda e Quintela de Leirado (Ourense).
Manuel Muíño, alcalde de Zas, incidiu en que a decisión de Abanca de pechar as oficinas dos tres concellos de Área de Compostela o vindeiro 8 de setembro obedece “só ao interese de incrementar as súas ganancias. Non está motivada por nada que fixeramos nós nin tampouco porque dean perdas. A única fin que ten é aumentar os beneficios da entidade a costa de prexudicar directamente a 10.000 persoas nestes tres concellos e noutros limítrofes”.
Lembrou que Abanca gañou no primeiro trimestre deste ano 137,4 millóns de euros, un 8,2 % máis que no mesmo período de 2020.
“É un atentado contra o rural”, manifestou pola súa parte o rexedor da Baña, José Antonio Pereira, quen lembrou que a oficina de Abanca é a única sucursal bancaria existente no municipio. “O peche conleva deixar de facer vida no noso concello. Non só os veciños xa non van poder facer xestións, senón que é un pau tamén para o comercio que temos. Ademais, moita da nosa poboación é moi maior e o día que vai cobrar a pensión aproveita para facer compras e outros trámites. Agora vai ter que desprazarse oito quilómetros para sacar cartos”, explicou.
Mónica Rodríguez, alcaldesa de Vimianzo, subliñou o feito de que a entidade bancaria non comunicara a decisión. Foron os empregados das oficinas os que empezaron a chamar aos veciños para informalos do peche. “Botamos moito de menos que non houbera comunicación e se establecera un diálogo. Súmenos na impotencia”, engade, ao tempo que se pregunta “onde quedan o asesoramento e esa cercanía co cliente da que presumen na súa publicidade?”.
A banca electrónica “non o fai todo e hai quen non sabe manexarse coas tecnoloxías. Diminúen os horarios, pechan oficinas, botan empregados, suben comisións... Trátase dun grave problema que afecta tamén a outros concellos”, indicou.
“Isto vai supoñer, ademais de que as persoas se vexan na obriga de desprazarse e perder tempo e cartos para acudir a unha sucursal, que as outras oficinas se vexan colapsadas. Unha situación que tamén vai afectar moi negativamente ao comercio local. Estas políticas son contrarias á necesaria dinamización do rural; non podemos permitir este desmantelamento”, conclúe a rexedora.
Ante esta situación, dende o BNG tamén anuncian que o seu deputado, Néstor Rego, levará ao Congreso a necesidade de establecer unha regulación que impida “as graves consecuencias da reestruturación e concentración bancaria”.
Os nacionalistas reclaman que se esixa ás entidades que manteñan os servizos de atención “de maneira presencial”, que se evite o peche de sucursais e que se regule o sector “para pór fin á escalada de abusos bancarios”. Para Néstor Rego, o proceso que se está a vivir “é o resultado dunha decisión política: a de permitir a reestruturación e dar entrada a fondos especulativos, así como que a día de hoxe se manteña a Reforma Laboral que facilita a destrución de milleiros de postos de traballo a través dos ERE”.
Denuncia ademais que o sector bancario aproveitou “o confinamento para reducir horarios e persoal, así como para pechar oficinas, empeorando a calidade do servizo mentres incrementan as comisións que cobran ás persoas usuarias”.
Dende a dirección de Abanca anuncian que van garantizar os “servizos financeiros” en todas as localidades nas que se supriman entidades como consecuencia da “reordenación” das súas sucursais. E farase, segundo explicaron, a través de “caixeiros, oficina móbil e as oficinas de Abanca nas localidades próximas”. Fontes da entidade lembran que o seu banco, creado a partir da fusión das caixas de aforro galegas, é a firma financeira coa meirande rede no rural desta terra, xa que conta cun 33,5 % da rede situada en núcleos de menos de 5.000 habitantes. Tamén destacan que dá servizo ao 98 % da poboación no 87 % dos municipios, e que o banco propiedade de Juan Carlos Escotet “é a única entidade financeira con presenza en 115 concellos de Galicia”. Subliña que manterá en activo o seu plan de axuda para que os maiores usen os caixeiros.
As aldeas e os concellos pequenos levan décadas perdendo poboación. Non é porque os seus veciños e veciñas aspiren a ser todos urbanitas. Detrás do éxodo rural están as políticas que favorecen o desmantelamento de servizos, como o peche de escolas e consultorios médicos, ademais da decadencia do comercio local, as carencias en telecomunicacións e, agora, a fuxida de oficinas bancarias. A este paso só quedarán as vacas e os turistas que, estes si, van a máis. Pero alguén terá que preguntarse quen vai coidar desas vacas e atender a eses visitantes, pois os gandeiros e o persoal das casas de turismo rural acabarán marchando tamén se non teñen garderías, escolas ou pediatras para os seus fillos e lles quitan todos os servizos.