Santiago
+15° C
Actualizado
sábado, 10 febrero 2024
18:07
h

Recollen a cultura sarda, da Toscana e a de Madeira a ritmo de regueifesta

Docentes do IES do Milladoiro, de Vimianzo, A Coruña e Vila de Cruces estudan as formas de improvisación oral en verso // O próximo destino vai ser Iparralde

O proxecto Europa de repente, que coordina o CFR de Vimianzo en parcería co coruñés CEIP Labarta, o IES do Milladoiro e o IES Marco do Camballón (Vila de Cruces), realizou a súa terceira mobilidade á illa de Sardeña para coñecer diferentes formas de improvisación oral en verso.

Partillar experiencias educativas, construír cooperación pedagóxica, mellorar competencias e construír rede son algúns dos obxectivos clave do proxecto que vai rematar nas próximas semanas coa mobilidade a Iparralde (no País Vasco-Francés). Ao mesmo tempo, o modelo educativo da regueifa e a improvisación oral en verso, creado polo Proxecto Regueifesta, está a ser divulgado a través deste proxecto Erasmus+ nos países aos que se viaxa.

Nesta mobilidade á illa sarda, igual ca nas anteriores estancias en Madeira e A Toscana, as persoas docentes do proxecto realizaron numerosas entrevistas e gravacións a persoas de moi diferentes idades para compoñer un documentario que visibiliza cal é a situación actual do repentismo en Europa. Nesta ocasión realizouse observación e intercambio de experiencias con asociacións culturais sardas e graváronse as composición improvisadas propias da illa (gara, mutetu, arrepentina...) cantadas nas diferentes variantes da lingua sarda.

Este traballo ten como obxectivo a creación e desenvolvemento dun proceso no coñecemento, valoración e difusión do noso patrimonio inmaterial en irmandade con outras manifestacións artísticas similares. Un recoñecemento emocional da riqueza da nosa regueifa como impulsora e dinamizadora educativa, social e cultural.

“Unha experiencia única para crear oportunidades nas que compartir coñecemento, observar metodoloxías novas e fornecer lazos de colaboración entre países veciños”, apunta a organización.

18 dic 2022 / 01:00
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
TEMAS
Tema marcado como favorito
Selecciona los que más te interesen y verás todas las noticias relacionadas con ellos en Mi Correo Gallego.