Santiago
+15° C
Actualizado
martes, 23 abril 2024
16:11
h

Recuperan as trazas das antigas termas romanas de Carballo

As obras que se están realizando na contorna do balneario de Carballo van moito máis alá da necesidade de instalar ou renovar os servizos urbanísticos, de mellorar a accesibilidade ou de poñer en valor un dos elementos máis emblemáticos do concello, porque, ademais de todo iso, tamén contribuirán a rescatar unha parte da historia recuperando as trazas das antigas termas romanas, tal e como se contempla no proxecto realizado polo arquitecto Seixo Vázquez Fiz.

Deste xeito, no treito norte da rúa Baños Vellos instalarase unha fonte que formará parte da estratexia de recuperación da memoria do termalismo, e, polo tanto, da auga. Ademais da fonte, o conxunto, que pretende crear un ámbito de estancia nun espazo destacado e soleado, incluíra un canal aberto elevado que discorrerá en dirección sur, unha alberca xa na confluencia entre Baños Vellos e Ourense e unha peza escultórica asociada.

Da creación da peza encargouse o artesán carballés Manolo Eirín, que recreou en cerámica o plano das ruínas do balneario romano realizado polo arquitecto compostelán Miguel Ferro Caaveiro durante a escavación do ano 1777, e que foi recollido por Gregorio Casado González e Rosa María Franco Maside, da Universidade de Santiago, na súa investigación O balneario romano de Carballo segundo as fontes do Arquivo do Reino de Galicia.

O alcalde, Evencio Ferrero; a concelleira de Planificación e Estratexia Urbana, Milagros Lantes, e o arquitecto Municipal, Alfredo Garrote, achegáronse ata o estudo de Manolo Eirín para ver o plano, xa rematado, que supón, ademais dunha peza histórica de grande interese, unha obra de arte. Despois de examinala desprazáronse ata o lugar onde se vai colocar.

O proxecto que se está a materializar na zona dos Baños Vellos está supervisado por técnicos de Patrimonio Cultural, precisamente por localizarse no ámbito de protección das termas romanas de Carballo, definido no Plan Xeral de Ordenación Municipal (PXOM).

18 mar 2022 / 01:00
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
TEMAS
Tema marcado como favorito
Selecciona los que más te interesen y verás todas las noticias relacionadas con ellos en Mi Correo Gallego.