Santiago
+15° C
Actualizado
sábado, 10 febrero 2024
18:07
h
MEDIO AMBIENTE. As artesás da asociación Illa da Estrela participan no proxecto EcoBallution, impulsado polo xogador de baloncesto Carlos Martínez // A Xunta súmase á iniciativa de economía circular para estendela a toda Galicia TEXTO J. Ramos

Redes de Corme reutilizadas para facer material deportivo

Concidindo coa Semana do Medio Ambiente, que terá o seu día grande este sábado, a Xunta de Galicia acaba de sumarse ao proxecto EcoBallution, unha iniciativa ideada e promovida polo xogador galego de baloncesto Carlos Martínez que se basea na recuperación de refugallos procedentes do sector marítimo, grazas á colaboración da Asociación de Redeiras Illa da Estrela de Corme (Ponteceso), para fabricar material deportivo reciclado.

A conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, Ángeles Vázquez, visitou este luns o porto de Corme co fin de coñecer o traballo que realizan estas traballadoras para EcoBallution, limpando e recuperando de forma artesanal redes que xa foron desbotadas polos barcos pesqueiros para reutilizalas na elaboración de canastras de baloncesto e outros artigos deportivos de calidade.

Coa súa implicación nesta iniciativa innovadora e inspirada na economía circular, segundo dixo a conselleira, “a Xunta quere contribuír á súa consolidación e crecemento na comunidade, fixándose como obxectivo que instalacións deportivas de toda Galicia aposten pola utilización de material reciclado como canastras, redes de portería, complementos, accesorios e mesmo roupa deportiva”.

Felicitou á asociación polo traballo especializado e artesanal que realizan de forma cotiá e particularmente no marco deste proxecto, incidindo no papel clave que sempre xogou o colectivo das redeiras dentro do sector pesqueiro galego.

Neste sentido, argumentou que a implicación do seu departamento nesta idea, na que participará a partir de agora a través de Sogama, ten unha dobre vertente social xa que, por unha banda, contribúe á reciclaxe, o cambio de modelo cara á economía circular e a sostenibilidade; e pola outra, pon en valor unha profesión característica e tradicional de Galicia, dándolle visibilidade ao colectivo das redeiras.

A conselleira tamén quixo resaltar que esta unión entre dous mundos aparentemente distanciados, como son o deporte e a artesanía e tradición mariñeiras, encaixa perfectamente cos principios da economía circular, que aposta polo consumo responsable dos recursos naturais e a súa redución progresiva dándolle unha “segunda oportunidade” aos residuos a través da reciclaxe.

“Hai que agradecer a iniciativa de Carlos, xogador internacional do mundo do baloncesto e un galego de a pé que nos leva continuamente no corazón pero que quere poñer o selo desa Galicia Calidade artesá alí onde queira que estea”, concluíu.

O promotor do proxecto, Carlos Martínez, acompañou á conselleira na súa visita a Corme, e asegurou que “é un pracer traballar con estar artesás e agardo que isto non quede só nunha idea e un produto”. A este respecto, sinalou que están traballando para que, pouco a pouco, “esto sexa máis grande”. De feito, engadiu, o proxecto xa trascendeu a nivel internacional, e xa se sumaron ao mesmo as seleccións de Letonia e Lituania, “e fálase de Galicia e de Corme”. Confía ademais en que non se quede só no mundo do baloncesto, xa que ten máis “patas sociais” e aspira a contribuír “non só a reciclaxe, senón tamén a poñer en valor a estas profesionais artesás que fan un traballo ás veces menos recoñecido do que debería”.

EcoBallution é unha iniciativa de economía circular cunha filosofía cargada de valores. Conxuga deporte e benestar fomentando actitudes e prácticas saudables; aposta por un deseño de calidade e durabilidade dos seus produtos, e a sostenibilidade é unha meta constante. O compromiso co planeta, o medio ambiente e as persoas, a coherencia, a transparencia e a integridade forman parte dos seus principios.

31 may 2021 / 16:59
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
TEMAS
Tema marcado como favorito
Selecciona los que más te interesen y verás todas las noticias relacionadas con ellos en Mi Correo Gallego.