Santiago
+15° C
Actualizado
sábado, 10 febrero 2024
18:07
h
Medio rural. O proceso permitiu reorganizar 223 hectáreas de terreos que son propiedade de 491 titulares // Desde o ano 2020 a Xunta entregou case vinte e un mil títulos de dezanove concentracións desenvolvidas en Galicia TEXTO J. M. Ramos

Reducen á metade os predios agrarios de Baio ca parcelaria

O conselleiro do Medio Rural, José González, participou xunto coa directora xeral da Axencia Galega de Desenvolvemento Rural, Inés Santé, na entrega de algo máis de 800 títulos de propiedade da concentración parcelaria de Santa María de Baio (Zas), aos 491 veciños propietarios. Desta forma, dáse por rematado un proceso que supuxo un investimento por parte da Xunta de Galicia de máis dun millón de euros.

Esta parcelaria permitiu reorganizar unha superficie de 223 hectáreas e duplicar o tamaño medio das parcelas resultantes, ao pasar de 1.647 predios iniciais a 808 parcelas finais. Desta forma, según salientou o conselleiro, “conseguiuse mellorar a estrutura territorial das explotacións da zona”. Ademais, dixo que a meirande parte da superficie está dedicada a pastos (108 hectáreas) e labradío (83 ha.), polo que tamén se reducirán os custos de produción das granxas ao concentrarse a súa base territorial.

Neste senso, José González sinalou que, a través destes procesos, conséguese paliar o minifundismo presente na Comunidade galega, dende o punto de vista da estrutura da propiedade, polo que son unha ferramenta fundamental na reorganización do territorio. Por iso, estes mecanismos de reordenación son unha aposta clara do Goberno galego e, mostra disto, según indicou o conselleiro, foron os máis de 20.800 títulos entregados de 19 concentracións desde o ano 2020 a preto de 9.000 propietarios, incluídos os da parcelaria de Baio.

Así mesmo, o titular de Medio Rural reiterou o seu compromiso en seguir traballando na finalización das 94 parcelarias que a día de hoxe están abertas, aclarando que en 58 delas os veciños xa están facendo uso das novas parcelas. Nesta liña, indicou que para este ano 2022 o seu departamento conta cun orzamento de 12 millóns de euros para poder finalizar ditos procesos e seguir declarando novas parcelarias.

NOVOS PROXECTOS. González lembrou que o pasado ano foron decretados cinco novos procesos en Ordes, Outeiro de Rei, Friol e Castro de Rei. Estas concentracións parcelarias (iniciadas ao abeiro da Lei de mellora da estrutura territorial agraria de Galicia) teñen unha concepción moderna da mellora das estruturas, orientadas a favorecer o desenvolvemento económico das explotacións.

Ademais, José González indicou que se seguirán impulsando este tipo de procesos á vez que se aposta por outros instrumentos de mobilización voluntarios que permitan unha maior participación dos interesados na explotación das terras. Así, tal e como recolle a Lei de recuperación da terra agraria de Galicia, fomentaranse os polígonos agroforestais, as agrupacións de xestión conxunta da terra, a iniciativa das aldeas modelo ou as permutas de especial interese agrario, entre outros.

Ponse tamén a disposición dos interesados a descarga da representación gráfica xeorreferenciada das novas fincas resultantes da concentración parcelaria na páxina web da propia Consellería. Estes ficheiros descargables, no formato europeo INSPIRE de parcela catastral (GML), poderán ser utilizados para posteriores operacións que necesiten dunha inscrición rexistral.

O protagonista
“Estamos a dar ao sector a base territorial que demanda”
José González
Conselleiro do Medio Rural

José González, quen estivo acompañado polo alcalde de Zas, Manuel Muíño, asegurou en Baio que as concentracións parcelarias, xunto co instrumento da Lei de recuperación da terra agraria de Galicia, “van seguir sendo fundamentais no desenvolvemento do noso territorio”. Apostarase, engadiu, por “producións agrogandeiras de calidade, dándolle esa base territorial que tanto demandan”. Deste xeito, o conselleiro entende que “estase facendo Galicia rural, e a Galicia do futuro”.

{ Pasaba por aquí }
Facilitar o traballo
Manuel Lavandeira

O minifundismo tan característico de Galicia vai, pouco a pouco, deixando paso á formación de parcelas que, lonxe de ser latifundios, facilitan a súa explotación por parte do sector agrogandeiro. Aínda así, o ritmo das concentracións dista moito de ir acompasado ao do crecemento experimentado polas explotacións, especialmente gandeiras, que nas últimas décadas viron multiplicadas as súas necesidades de terras. É por iso que as parcelarias son hoxe máis necesarias que nunca, xa que a competitividade do sector agrogandeiro pasa necesariamente por unha redución de custos. Un dos factores clave para conseguir ese obxectivo é dispoñer de fincas de gran superficie e agrupadas. Xa se deron pasos nese camiño, pero precísanse máis.

21 abr 2022 / 01:00
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
TEMAS
Tema marcado como favorito
Zas
Selecciona los que más te interesen y verás todas las noticias relacionadas con ellos en Mi Correo Gallego.