Santiago
+15° C
Actualizado
martes, 23 abril 2024
16:11
h
CONGRESO CONCELLOS 2030. Técnicos, universitarios e políticos avalían os retos do ciclo integral da auga, a xestión dos residuos, a eficiencia enerxética e a mobilidade // O concello bergantiñán desenvolveu varias iniciativas pioneiras TEXTO José M. Ramos

Reflexións dende Carballo para encarar un futuro sustentable

Carballo converteuse no centro de referencia e posta en común das experiencias que se están a desenvolver en Galicia nos ámbiotos do ciclo integral da auga, a xestión dos residuos, a eficiencia enerxética e a mobilidade sostible con motivo do Congreso Concellos 2030, que comezou o xoves no Fórum e que continúa na xornada do venres.

O encontro, organizado conxuntamente por Gestagua e o Concello de Carballo, coa colaboración de Urbaser e da Fegamp, foi inaugurado polo alcalde carballés, Evencio Ferrero, quen manifestou o seu convencemento de que o congreso servirá “para a reflexión e para fixar estratexias de futuro”. Afirmou que a xestión diaria “lévanos a pensar moitas veces no urxente, pero tamén é fundamental pensar no importante, que é o que temos que facer”. Destacou ademais iniciativas pioneiras desenvolvidas en Carballo, como o feito de ser dos primeiros concellos en implantar a recollida da quinta fracción, en instalar iluminación con tecnoloxía LED, substituíndo 8.000 puntos de luz, “polo cal incluso recibimos moitas críticas”, afirmou.

Tamén resaltou a implantación de sistemas de biomasa no concello e nas instalacións deportivas. A maiores, en Carballo veñen realizando unha forte aposta por unha mobilidade máis sustentable. “O noso Concello é un exemplo, pero aínda queda camiño por percorrer”, engadiu, ao tempo que expresou o seu desexo de que as reflexións do congreso “nos sirvan para darlle aos nosos veciños os mellores servizos”.

No acto inagural participou tamén Alfonso Villares, vicepresidente da Fegamp, quen destacou que unha das labores fundamentais “é a concienciación da poboación”.

Na primeira xornada, o profesor de Dereito Internacional da UDC, Jorge Quidimil disertou sobre a Estratexia Europea 2030; Gonzalo Mosqueira, xerente do EPE Augas de Galicia, presentou a nova Lei do Ciclo da Auga; Joaquín Suárez, profesor da UDC puxo sobre a mesa un modelo de desenvolvemento urbano sensible á auga; e Alejandro Maceira, director da revista Iagua e Rogerio Koehn, CEO de Gestagua, subliñaron a importancia de dixitalizar a auga para democratizar a súa xestión.

Pola tarde, técnicos e responsables de distintos departamentos do Concello de Carballo explicaron algunhas das actuacións sostibles desenvolvidas no municipio, varias das cales poideron coñecer os asistentes durante unha visita guiada á captación de agua do río Bardoso e á planta de saneamento. Ademais, coñeceron o proxecto de implantación do colector marrón, as accións de humanización densenvolvidas na capital de Bergantiños e iniciativas como Derrubando Muros con Pintura e o Proxecto Ciclando, que promove unha mobilidade máis sostible e saudable.

Na xornada do venres está previsto avaliar a extratexia galega de residuos, da man da subdirectora xeral de Residuos, Mónica Pérez. Ademais, o profesor da UDC Juan José Pernas explicará a nova Lei de Residuos; Igansi Puig disertará sobre a aplicación das taxas municipais no contexto da nova lei; e o concelleiro de Servizos de Carballo, Lois Lamas, exporá un caso práctico.

INICIATIVAS. En materia de enerxía presentaranse iniciativas de comunidades enerxéticas locais, como unha nova forma de producir, e tamén se avaliarán os avances en alumeados públicos e aforro enerxético. E no eido da mobilidade daranse a coñecer a iniciativas desenvolvidas na cidade de Pontevedra e avaliaranse os obxectivos da mobilidade urbana. A concelleira local de Planificación e Estratexia Urbana, Milagros Lantes, presentará tamén a extratexia de mobilidade desenvolvida en Carballo.

30 sep 2022 / 01:00
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
TEMAS
Tema marcado como favorito
Selecciona los que más te interesen y verás todas las noticias relacionadas con ellos en Mi Correo Gallego.