Santiago
+15° C
Actualizado
sábado, 10 febrero 2024
18:07
h

Reflexións sobre as fendas de xénero no ámbito científico

A Luz da Ciencia leva as xornadas de Dombate á Coruña // Celebraranse do 13 ó 15 de xaneiro

As xornadas científicas A luz da ciencia, que naceron no dolmen de Dombate (Cabana de Bergantiños), acadan a súa cuarta edición cun programa dedicado ao pensamento científico e o xénero. Esta iniciativa, que botou a andar no pasado ano da man da área de Patrimonio da Deputación da Coruña, trasládase nesta ocasión ao Pazo de Mariñán e ao Muncyt –Museo Nacional de Ciencia y Tecnología da Coruña- e terá lugar os días 13, 14 e 15 de xaneiro.

Estes encontros científicos están concibidos, nesta cuarta edición, para reflexionar sobre as fendas de xénero que están vixentes no eido da práctica profesional e investigadora das disciplinas científicas, achegando visións desde tres eidos diferentes: as aulas e o proceso formativo, a lexislación e a realidade profesional, e a divulgación e a comunicación científica. A este respecto, o deputado de Patrimonio, Xosé Lois Penas pon o foco en que, segundo datos globais da ONU, menos do 30% de investigadores e científicos de todo o mundo son mulleres, e tan só 1 de cada 3 estudantes de carreiras universitarias do ámbito CTIM (Ciencia, Tecnoloxía, Enxeñería e Matemáticas) é unha muller.

“Cando puxemos en marcha este programa de xornadas propuxémonos achegar a ciencia á sociedade dun xeito accesible e tratando temas de interese para o conxunto da cidadanía e, neste sentido, abordar a situación de desigualdade de xénero que se observa nas disciplinas do chamado ámbito CITM é de xustiza e necesario ” asegura Xosé Lois Penas.

As tres sesións correrán a cargo de relatoras que coñecen de primeira man a realidade da práctica científica. Así, a primeira xornada, dedicada a Didáctica das ciencias experimentais contará coa participación de Mireia Colom e Susana Figuera da Fundació catalana per a la recerca i la innovació; a sesión sobre Ciencia investigación e xénero correrá a cargo de relatoras da Rede galega de investigadoras: María de la Fuente Freire, Elena Lendoiro Belío, Vanessa Valdiglesias García, e Zulema Varela Río; mentres que a sesión sobre Divulgación, Comunicación científica e xénero reunirá a Maite Vence, Paula Otero Sánchez e Isa Loureiro que abordarán tres proxectos de divulgación

desde diferentes perspectivas e con públicos obxectivo específicos.

Ademais, o sábado 15, ás 16:30h no Muncyt, a ilustradora Isa Loureiro impartirá un obradoiro de ilustración que tomará como fío condutor a ruta das camelias do Pazo de Mariñán.

A asistencia ás xornadas é de balde, mais será preciso realizar inscrición previa a través do formulario https://www.dacoruna.gal/patrimonio/aulas-cientificas-2021/iv-xornadas-luz-da-ciencia/inscricion-iv-xornada-luz-da-ciencia-pensamento-cientifico-e-xenero/

05 ene 2022 / 01:00
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
TEMAS
Tema marcado como favorito
Selecciona los que más te interesen y verás todas las noticias relacionadas con ellos en Mi Correo Gallego.