Santiago
+15° C
Actualizado
sábado, 10 febrero 2024
18:07
h
Servizos. Case un cento desenvolverán o seu labor en concellos de Área, Costa da Morte e Barbanza de menos de vinte mil habitantes // A Deputación aportará este ano 8,3 millóns de euros cos que financiará máis de 386.000 horas TEXTO J. Lavandeira

Reforzarán a axuda no fogar na provincia con 177 profesionais

A Deputación da Coruña afianza a súa aposta polos servizos sociais e reforza os programas de protección ás persoas nos municipios coruñeses cunha achega de 8,3 millóns de euros que permitirá financiar 386.823 horas de axuda no fogar e contratar a 177 profesionais do ámbito social nos municipios de menos de 20.000 habitantes da provincia.

Así o anunciou o presidente, Valentín González, quen destacou que a Deputación financia hoxe 100.000 horas máis de Servizo de Axuda no Fogar que hai dous anos. “Trátase dun servizo esencial para a atención de maiores e dependentes, que ademais dá emprego a máis dun cento de persoas na provincia”, dixo.

O Boletín Oficial da Provincia (BOP) vén de publicar a concesión do Programa de Servizos Sociais Comunitarios para o ano 2022, ao que concorreron todos os concellos coruñeses de menos de 20.000 habitantes e que se destina a financiar a contratación de persoal técnico e administrativo especializado na área de Servizos Sociais, así como os servizos de axuda no domicilio.

O orzamento dedicado ao Programa de Servizos Sociais Comunitarios incrementouse durante o mandato de Valentín González dos 4 aos máis de 8,3 millóns deste 2022. Este programa permitirá reforzar os servizos de axuda no fogar dos municipios, cuxa demanda se incrementou por mor da pandemia da covid. A Deputación financiará este ano 386.823 horas deste servizo, unha prestación esencial para a atención de maiores e dependentes nos pequenos concellos.

A cifra supón un incremento de case 100.000 horas con respecto ás 290.000 horas financiadas pola Deputación en 2020, e de 15.000 horas en relación ás 370.000 do pasado ano. En 2022, a institución provincial financiará 70.033 horas de SAF nos concellos da comarca da Coruña e As Mariñas, 50.873 nos do Barbanza, 79.802 nos de Bergantiños e Costa da Morte, 102.605 nos da área de Ferrolterra, Eume e Ortegal e 82.509 nos de Santiago.

O programa de servizos sociais tamén permitirá a contratación de 177 profesionais do eido social, dos cales 21 traballarán na comarca de Barbanza e Muros-Noia, 35 na Costa da Morte e 38 na Área de Compostela. Persoal que cada día atende a miles de cidadáns, que con frecuencia pertencen a colectivos especialmente vulnerables: infancia, mulleres vítimas de violencia, persoas con especiais dificultades de inserción laboral, maiores sen recursos, persoas sen fogar ou con discapacidade.

Finánciase o 100 % do salario das persoas contratadas como persoal administrativo (18.000 € ó ano), persoal técnico A2 (22.000 €) e técnico A1 (26.000 €). O persoal poderá ser contratado tamén a media xornada.

Formoso destacou o incremento de traballo que supuxo a crise da covid, coa que “moitos municipios tiveron que asumir maior carga” e agradeceu o traballo que desempeñan “os profesionais, que buscan solucións diarias e sen os que as persoas máis vulnerables non poderían desenvolver o seu día a día”. Pola súa banda, a deputada de Benestar Social, Ana Lamas, subliñou a necesidade de “estar coa xente que máis o necesita, ofrecéndolle as mellores prestacións posibles para mellorar a súa calidade de vida, independentemente do lugar onde residan”.

O protagonista
“Este é un dos piares da área Social”
Valentín González
Presidente da Deputación Provincial da Coruña

O presidente provincial asegura que a Deputación segue a cumprir co compromiso de reforzar a protección social, e destaca o gran esforzo que teñen que facer os pequenos concellos para poder contar cunha plantilla de profesionais especialistas no eido social.

“Por este motivo seguimos incrementando a dotación económica deste programa, un dos piares da Área Social da Deputación, permitindo que os concellos poidan contratar máis persoal administrativo, técnico e de axuda a domicilio”, sinalou.

{ Pasaba por aquí }
Un labor esencial
Manuel Lavandeira

A axuda no fogar é, sen dúbida, un servizo esencial, e por iso é importante que as administracións superiores reforcen o apoio financeiro aos concellos que, na maioría dos casos, están afogados economicamente e, á súa vez, ven como o número de demandantes deste tipo de prestacións aumenta cada ano debido ao progresivo envellecemento da poboación, especialmente nos municipios do rural. Aínda que o custo dos servizos sociais é elevado, hai que ver tamén a outra cara da moeda, pois permiten xerar emprego e asentar poboación. Todo apunta a que a demanda destes servizos irá en aumento, polo que as administracións deben traballar de xeito coordinado para garantir a mellor calidade de vida ás persoas maiores e dependentes.

03 abr 2022 / 01:00
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
Selecciona los que más te interesen y verás todas las noticias relacionadas con ellos en Mi Correo Gallego.