Santiago
+15° C
Actualizado
viernes, 27 enero 2023
21:53
h
INFRAESTRUTURAS. Na estrada de Caxadas a Baíñas eliminarán as perigosas curvas de Padreiro // Habilitarase unha senda de dous quilómetros // Mellorarase o firme da vía de Tablilla a Agromestre e a DP-2405 de Mesón do Vento TEXTO M. Lavandeira

Reforzo da seguridade viaria en Vimianzo, Cerceda e Tordoia

A Deputación da Coruña vén de confirmar obras de mellora e reforzo da seguridade viaria en estradas provinciais de Vimianzo, Cerceda e Tordoia por valor de máis de 2,5 millóns de euros. A través do Boletín Oficial da Provincia anunciouse o pago de depósitos previos dos 115 terreos afectados polas obras de mellora e construción dunha senda peonil e mellora da seguridade vial na estrada DP 9203 de Caxadas a Baíñas, no concello vimiancés.

Avanza así nos trámites para levar a cabo esta importante actuación de mellora da seguridade viaria na contorna. Os veciños e veciñas propietarias dos terreos están citados os días 22 e 23 de febreiro a partir das 16.15 horas na Casa da Cultura de Vimianzo para que a Deputación lles efectúe o pago dos depósitos previos. A renovación desta estrada conta cun investimento de 1.863.708 euros, dos que 1.615.469 corresponden ao financiamento das obras e os 248.239 euros restantes destínanse ás expropiacións necesarias para a execución das mesmas.

As obras permitirán construír unha senda para peonil de case dous quilómetros de lonxitude e mellorar o sinuoso trazado actual da vía no núcleo de Padreiro, que presenta curvas perigosas nas que se rexistra unha elevada sinistralidade.

A senda, de 1,80 metros de ancho e 0,5 de beiravía, discorrerá desde o punto quilométrico 0+000 ata o 1+940. A plataforma incluirá unha nova estrutura ao paso do río Castro, onde a existente carece de capacidade para desaugar.

O proxecto tamén inclúe tamén a mellora do trazado da estrada no punto quilométrico 4+500, actualmente moi sinuoso, con curvas de radio reducido á altura do núcleo de Padreiro de Abaixo. A través desta medida preténdese que o radio mínimo sexa de 250 metros, cunha sección de plataforma de sete a nove metros pavimentado con mestura bituminosa en quente.

Por outra banda, a Deputación anunciou a licitación por importe de 301.945 euros as obras de mellora da seguridade viaria na estrada provincial DP-8401 de Tablilla a Agromestre por Pontepedra, en Tordoia. As empresas interesadas poderán presentar ofertas ata o 14 de marzo. Os traballos desenvolveranse entre os puntos quilométricos 3,1 e 5,5, dando continuidade ás melloras xa efectuadas nos primeiros tres quilómetros do vial. As obras acondicionarán e renovarán o firme ao longo de case dous quilómetros e medio, axudando a incrementar a seguridade de vehículos e peóns na zona, coa renovación do firme a través do fresado e reposición nas zonas deterioradas e extensión, na zona de travesía, dunha capa de mestura bituminosa en quente.

Asemade, o ente provincial vén de publicar a licitación do proxecto para a mellora do firme na DP- 2405, de Cerceda a Mesón do Vento (Concello de Ordes), que conta cun orzamento de 390.908,73 €. As obras, que se realizarán ao longo de 3,4 quilómetros do PQ 1+700 ao 5+170, inclúen o despexe e limpeza de beiravías e cunetas, fresado e reposición do firme nas zonas deterioradas, estendido dunha capa de 6 centímetros de mestura asfáltica en quente, instalación dunha barreira de seguridade tipo bionda e, por último, a renovación da sinalización vertical e horizontal.

O PROTAGONISTA
“Aténdese unha demanda histórica”
Image
José Manuel Pequeño
Responsable de Vías e Obras na Deputación da Coruña

O deputado de Vías e Obras, José Manuel Pequeño, destacou que coa actuación proxectada en Vimianzo “a veciñanza da contorna disporá dun itinerario peonil seguro e accesible, que ademais facilitará aos máis pequenos e pequenas o acceso ao

bus escolar nas mellores condicións”. Darán así cumprimento a “unha demanda histórica” do Concello de Vimianzo. Esta actuación súmase a outras enmarcadas no plan de Vías e Obras co que a Deputación pretende mellorar a seguridade en máis de 2.100 quilómetros.

{ PASABA POR AQUÍ }
Pensando en todos
Manuel Lavandeira

aínda que máis amodo do que moitos quixeran, a estrada de Caxadas a Baíñas vaise adaptando aos tempos. Primeiro foi a circunvalación de Castrelo, coa que se eliminou un paso estreito e o tráfico polo interior do núcleo, e agora van desaparecer as curvas de Padreiro, que eran un perigo para condutores e peóns. A maiores, está proxectada unha senda peonil, polo que é de agradecer que á hora de elaborar os proxectos de mellora se pense en todos os usuarios da vía, e especialmente nos máis vulnerables: peóns e ciclistas. Hai que lembrar que esta é unha estrada moi transistada, xa que é un dos principais accesos para o tráfico rodado entre Vimianzo e Santiago. Un paso adiante que, a bo seguro, agradecerán veciños e visitantes.

21 feb 2022 / 01:00
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
TEMAS
Tema marcado como favorito
Selecciona los que más te interesen y verás todas las noticias relacionadas con ellos en Mi Correo Gallego.