Santiago
+15° C
Actualizado
martes, 23 abril 2024
16:11
h
Participan actores non profesionais da comarca // Narra a historia dunha cativa que agarda a que o mar devolva o corpo do pai, desaparecido nun naufraxio // O equipo do filme recibiu no Cemiterio dos Ingleses ó director do Agadic TEXTO M. Boo

Rematan na Costa da Morte a rodaxe da longametraxe ‘Sica’

O Cemiterio dos Ingleses, no concello de Camariñas, foi este mércores o escenario dunha das últimas sesións de rodaxe do filme Sica, que se desenvolve desde primeiros de decembro en diferentes localizacións da Costa da Morte. O equipo da película recibiu alí a visita do director da Axencia Galega das Industrias Culturais (Agadic), Jacobo Sutil, quen coñeceu de primeira man o proceso de filmación desta coprodución galego-catalá, para a que a compañía Miramemira conta cunha axuda da Xunta de máis de 250.000 euros a través da última convocatoria de subvencións a producións e coproducións audiovisuais de contido cultural galego.

Esta liña de axudas enmárcase no traballo que realiza a Consellería de Cultura, Educación e Universidade por impulsar o audiovisual galego a través de diferentes liñas de actuación. Así, xunto a esta liña de subvencións, a Xunta apoia de xeito estable e habitual ao sector a través de axudas de impulso ao talento, desenvolvemento de proxectos e comercialización e difusión de obras audiovisuais, así como con apoio aos festivais e salas de cinema, esta última convocada por primeira vez en 2021 e á que se lle dará continuidade en 2022.

A esta planificación súmanse as novas iniciativas para o impulso do sector a través do Hub Audiovisual da Industria Cultural da Xunta, un programa de apoio sen precedentes que busca acelerar a recuperación e garantir a estabilidade dos profesionais do audiovisual e do resto das industrias culturais galegas que suporá un investimento de 9,6 millóns de euros a través do Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional (Feder) dentro do Eixo REACT-UE do Programa Operativo Feder Galicia 2014-2020, como parte da resposta da Unión Europea á pandemia.

A empresa galega, responsable da exitosa O que arde, do director Oliver Laxe, traballa nesta ocasión coa produtora Alba Sotorra para levar ás pantallas a que será a primeira longametraxe de ficción da realizadora catalá Carla Subirana, de recoñecida traxectoria no ámbito do documental. Fano xunto a un sólido equipo técnico, do que forman parte destacados profesionais do sector, mentres que para a faceta interpretativa se levou a cabo un exhaustivo castin entre actores non profesionais da Costa da Morte.

Neste proceso seleccionouse, por exemplo, a Thais García, unha rapaza de 13 anos de Cabana de Bergantiños que encarna a Sica, a protagonista do filme, filla dun mariñeiro que desaparece no naufraxio do seu barco. A historia desenvólvese mentres a cativa agarda a que o mar devolva o corpo do pai, período durante o que o seu único apoio será un rapaz da zona ao que alcuman O Cazatormentas, interpretado por Marco Antonio Florido Añón.

O responsable de Industrias Culturais da Xunta tivo a oportunidade de intercambiar impresións coa directora e con parte do seu equipo durante a súa visita ao set de rodaxe, na que estivo acompañado por Andrea Vázquez, de Miramemira, e por Alba Sotorra, así como por representantes da TVG, tamén implicada neste proxecto.

Camariñas, Ponteceso, Laxe ou Malpica foron algúns dos municipios da comarca que acolleron esta filmación, para a que Carla Subirana elixiu a Costa da Morte tras percorrer en 2016 o Camiño dos Faros. Seguindo a súa metodoloxía como documentalista, nos anos posteriores foi ampliando o seu coñecemento da zona e dos seus habitantes, a partir do que creou unha historia que aborda a transformación dunha forma de vida tradicionalmente vinculada ao mar, a ameaza dos fenómenos meteorolóxicos extremos e os efectos negativos da acción humana na natureza.

13 ene 2022 / 01:00
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
TEMAS
Tema marcado como favorito
Selecciona los que más te interesen y verás todas las noticias relacionadas con ellos en Mi Correo Gallego.