Santiago
+15° C
Actualizado
sábado, 10 febrero 2024
18:07
h

Renovan o sistema de control marítimo no centro de O Son

Conta cun orzamento de 7,26 millóns // Estas instalacións de Salvamento dan servizo á área occidental da costa galega

A subdelegada do Goberno na Coruña, María Rivas, destacou este martes que o novo sistema de Control e Xestión do Tráfico Marítimo do Centro de Salvamento de Finisterre chega cun investimento de 7,26 millóns de euros.

Fíxoo durante a visita que realizou ás instalacións situadas no concello de Porto do Son xunto á directora de Protección Civil da Delegación do Goberno en Galicia, María Dolores Gómez. Alí o xefe do Centro de Coordinación de Salvamento Marítimo de Finisterre, Manuel Capeáns, explicoulles como afronta a renovación do sistema de Control e Xestión de Tráfico Marítimo (VTS).

O Ministerio de Transportes, Mobilidade e Axenda Urbana vén de licitar o subministro e a instalación deste novo sistema VTS, cun orzamento de 7,26 millóns de euros. Segundo sinalaron dende a Subdelagación do Goberno en A Coruña, o obxectivo do procedemento é substituír os actuais equipos por outros de nova xeración. Isto resulta de especial importancia nun centro como este, pois é o encargado das vías de circulación do Dispositivo de Separación de Tráfico Ampliado do noroeste de España. Trátase dunha área onde os tráficos marítimos son separados de forma minuciosa para garantir a seguridade.

Este centro, situado no municipio de Porto do Son, é o encargado do seguimento e a separación do tráfico marítimo no noroeste de España. Ten máis funcións, entre as que María Rivas subliñou a importancia da coordinación na resposta ás emerxencias marítimas e da loita contra a contaminación.

Durante a súa visita, a subdelegada agradeceu aos profesionais e ás profesionais do centro o seu importante labor. Incidiu “no férreo compromiso do Goberno con Salvamento Marítimo, como demostra o investimento do novo sistema, e cos servizos públicos, en especial os vinculados a un sector tan importante en Galicia como é o do mar”, concluíu María Rivas.

Salvamento Marítimo dá resposta a todas as emerxencias que poden xurdir na mar. Para exercer este labor, coordina desde os seus 20 centros de coordinación os medios humanos e materiais.

30 mar 2022 / 01:00
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
TEMAS
Tema marcado como favorito
Selecciona los que más te interesen y verás todas las noticias relacionadas con ellos en Mi Correo Gallego.