Santiago
+15° C
Actualizado
sábado, 10 febrero 2024
18:07
h

Reto para que medre nun 10% a recollida de residuos nos contedores amarelos

Participan na campaña trece concellos galegos, que o ano pasado xa reciclaron 1.700 toneladas de envases de plástico, latas e bricks

O Consello de Santa Comba, e en particular a súa alcaldesa, María Pose, está empeñado en impulsar a cultura da reciclaxe entre os seus veciños. Este mércores, o delegado da Xunta na Coruña, Gonzalo Trenor, presentou, acompañado pola rexedora xalleira, a campaña Únete ao reto, na que participan trece concellos galegos co reto de incrementar nun 10% a recollida de residuos do contedor amarelo (envases de plástico, latas e briks).

Esta é a esencia da terceira edición da campaña de reciclaxe Únete ao reto na que están a colaborar os concellos de Ordes, Santa Comba, A Laracha, Sarria, Burela, Chantada, O Carballiño, Verín, Cangas, Moaña, Bueu, Gondomar e Tomiño.

Trenor destacou que “aínda que o esforzo é moi ambicioso, é posible e materializable, tal e como se demostrou nas anteriores edicións”. Os 13 concellos xa foron capaces de reciclar no pasado ano máis de 1.700 toneladas de envases de plástico, latas e briks, polo que se conseguen o obxectivo común aumentarán nun mínimo de 170 toneladas en total o volume de envases reciclados.

Nese sentido, Trenor animou aos 178.000 veciños destes concellos a seguir participando nesta campaña –que arrincou o 1 de marzo e finalizará o 31 de maio– depositando nos contedores amarelos estes materiais que, tras o seu tratamento, recíclanse e convértense nunha nova materia prima.

Este esforzo verase recompensado cunha achega de 2.000 euros para doar á causa social que cada concello elixa, polo que reciclar, afirmou o delegado da Xunta, “ten premio”, tamén porque reducen a súa factura do lixo por bolsa negra, e sobre todo para o medio ambiente, xa que se evita o uso de recursos e extracción de novas materias primas e apóstase pola economía circular, un sistema máis sustentable e respectuoso co planeta.

Destacou que para lembrar a importancia de reciclar e axitar a conciencia social dos veciños destes trece concellos participantes, a campaña prevé unha serie de accións coas que comprometer ás entidades locais e aos cidadáns na mellora das cifras de reciclaxe. Unha desas iniciativas foi a colocación dun contedor amarelo xigante construído con madeira reciclada que é o símbolo da iniciativa.

Ademais, estanse a celebrar varias xornadas con animadores para informar á cidadanía, comercio e hostaleiros do reto e da importancia da reciclaxe.

EXEMPLO. Sogama puxo de exemplo a Santa Comba na reciclaxe de materia orgánica. O municipio xalleiro é un dos tres concellos coruñeses que conta con contedores marróns. A primeira recollida foi todo un éxito, tanto pola cantidade, que ascendeu a 280 quilos, como polo propio servizo. Así o acreditan os resultados da caracterización realizada por unha empresa externa na planta de compostaxe industrial de Sogama en Cerceda.

A través desta mostraxe certificouse que o 95,26% dos residuos depositados no quinto contedor correspondían ao mesmo (fracción orgánica e asimilable), detectando tan só un 4,74% de impropios. O motivo foi a aparición dalgún téxtil e envase plástico e de tipo brik, que terían que depositarse nos contedores de roupa e no amarelo respectivamente.

14 abr 2022 / 01:00
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
TEMAS
Tema marcado como favorito
Selecciona los que más te interesen y verás todas las noticias relacionadas con ellos en Mi Correo Gallego.